Ir o contido principal

Grupos de investigación e empresas especializadas debaten sobre os últimos avances realizados no campo dos dispositivos electrónicos

Os últimos avances realizados no campo dos dispositivos electrónicos serán obxecto de análise ao longo dos vindeiros días nun encontro no que grupos de investigación e empresas especializadas neste eido difundirán os seus traballos máis actuais.
Organizada polo Departamento de Electrónica e Computación da USC, a 7ª Conferencia de Dispositivos Electrónicos toma o relevo das anteriores xuntanzas celebradas en Barcelona (1997), Madrid (1999), Granada (2001), Calella de la Costa (2003), Tarragona (2005) e O Escorial (2007).
Un total de tres eidos temáticos agruparán ás intervencións, atendendo a cuestións como os materiais, tecnoloxía e simulación e procesos; modelado e simulación de dispositivos; e caracterización e fiabilidade. Ademais, o programa porá especial atención nos tipos de dispositivos agrupados nunha serie de bloques como son sensores, actuadores, microsistemas e MEMS; dispositivos fotovoltáicos, optoelectrónicos e pantallas-displays; micro e nanodispotivos; dispositivos de RF, microondas e potencia.
O programa desenvolverase dende o mércores 11 e ata o venres 13 no Museo do Pobo Galego. A inauguración celebrarase a partir das 10:00 horas, para dar paso á primeira das conferencia programadas, da man do profesor da Universidade de Glasgow Asen Asenov que falará sobre ‘Simulation of statistical variability in NanoCMOS Devices’. Deseguido desenvolverase un bloque dedicado a materiais, tecnoloxía e procesos de simulación.
Xa pola tarde, a quenda de intervencións abrirase ao punto de vista industrial coa presenza, a partir das 15:30 horas, de Otto Bobenstetter do grupo austríaco EV para falar sobre ‘Realization of Industrial Applications by utilizing Soft UV-NIL’. Os relatorios que se presentarán a continuación centraranse no tema modelaxe e avances en simulación, mentres que a sesión de paneis prestará atención aos materiais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2009.