Ir o contido principal

Cinco grupos da USC adheridos a ReGaLis analizan nunha xornada o uso de biomasa forestal para a obtención de produtos naturais

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O evento, no que participarán empresas punteiras no sector, abordará en Santiago o xoves 12 as vantaxes do emprego de líquidos iónicos para acadar produtos sostibles
Santiago de Compostela

Cinco grupos de investigación da USC adheridos á Rede Galega de Líquidos Iónicos (ReGaLis) analizarán o xoves 12 de setembro en Santiago as posibilidades que ofrece a biomasa forestal como fonte de produtos naturais, no sector da alimentación, biomateriais, téxtil, construción ou no das enerxías limpas, ao tempo que debaterán sobre as vantaxes que depara o emprego de líquidos iónicos para acadar este tipo de produtos máis sostibles.

Os investigadores da USC participarán xunto cos outros equipos de traballo do Sistema Universitario Galego (SUG) e de centros científicos de Galicia na xornada de traballo ‘ Biomasa forestal como fonte de produtos máis sostibles’, un foro no que intervirán empresas galegas pioneiras neste eido, como o son Betanzos HB, Ence, Foresa e Xogoaza Pinaster, ademais do investigador Herbert Sixta, da Aalto University de Finlandia, e moi vencellado ao proxecto Ioncell, no que leva unha década traballando para revolucionar a industria téxtil, ou o profesor de Química da Queen’s University de Beltfast, John Holbrey, recoñecido a nivel mundial.

As empresas e os investigadores convidados a participar nesta xornada contan xa con ampla experiencia e anos de traballo na procura de doutros derivados da celulosa, así como tamén da lignina e dos demais compostos, para conseguir unha valorización máis integral da madeira e crear produtos sostibles de maior valor engadido que teñen múltiples e diferentes utilidades.

A lignina é un polímero orgánico que representa arredor do 30% do peso de calquera árbore ou planta. Cun tratamento a base de líquidos iónicos, por exemplo, pódese extraer a lignina e a celulosa da biomasa forestal e, despois de diferentes procesos respectuosos co medio ambiente, utilizar estes compostos naturais para a creación de produtos alimenticios, biocombustibles, biomateriais para a automoción ou a industria téxtil; fertilizantes, diferentes químicos para a industria farmacéutica, cosmética, disolventes e un longo etcétera.

Os líquidos iónicos son sales formados por ións que teñen un punto de fusión por debaixo dos 100 ºC (a temperatura á que ferve a auga). Dado o seu carácter iónico, non se evaporan e polo tanto non contribúen á contaminación atmosférica (ó contrario do que acontece cos disolventes tradicionais empregados na industria química). Son disolventes que se deseñan a medida para realizar multitude de procesos químicos respectuosos co medio ambiente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.12.2019.