Ir o contido principal

O guitarrista salmantino David Antigüedad abre este luns o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto na Casa do Saber

David Antigüedad
David Antigüedad
A actuación, programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comeza ás 20.00 horas e a entrada é libre ata completar o aforo

O guitarrista clásico David Antigüedad Mangas (Salamanca, 1993) abrirá o luns 19 de febreiro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo de música de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.

O repertorio que ofrecerá David Antigüedad no concerto de apertura de ‘Músicas a carón da Mosqueira 2018’ presenta un programa atractivo que abrangue composicións e compositores desde o século XVII ata o XX e durante o que este guitarrista clásico que acariña unha guitarra do luthier Casimiro Lozano, interpretará pezas de Johann Sebastián Bach, Fernando Sor, Toru Takemitsu e Antonio José Martínez Palacios.

David Antigüedad comeza os seus estudos de guitarra á idade de 8 anos da man de Marcos Martín no conservatorio profesional de Salamanca, terminándoos con premio extraordinario aos 18, cando accede ao conservatorio superior de música de Castela e león cos profesores Hugo Geller e Dimitri van Halderen para realizar estudos superiores. Dous anos máis tarde, en 2013, concédeselle unha bolsa erasmus e trasládase a Maastricht (países baixos) para estudar co afamado guitarrista Carlo Marchione no Maastricht Conservatorium, onde obtén o título de bachelor con distinción en 2015.

Rematado este proceso de aprendizaxe, Antigüedad Mangas trasládase a Zaragoza, onde continúa a súa formación cos profesores Pedro Mateo González e Àlex Garrobé, e imparte clases de guitarra en distintas escolas de música. De xeito parello a este proceso formativo, David Antigüedad perfeccionouse en cursos e clases maxistrais con guitarristas da altura de Joaquín Clerch, Ricardo Gallén, Carles Trepat, Margarita Escarpa, Leo Brouwer, Raphaella Smits, Zoran Dukic, Judicaël Perroy, Miguel Trápaga, Marlon Titre, Roberto Aussel ou, entre outros, Rafael Aguirre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2018.