Gumersindo Feijoo, elixido presidente da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química
O profesor da USC e director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo, acaba de ser elixido presidente da Conferencia Española de Directores e Decanos de Enxeñaría Química (CODDIQ) que engloba a 30 universidades españolas que imparten o Grao e Máster en Enxeñaría Química.
Catedrático de Enxeñaría Química dende 2008, Gumersindo Feijoo desenvolveu o seu labor docente en diversos centros da USC dende 1994, sendo a Escola Técnica Superior de Enxeñaría do Campus Vida o seu centro actual.
Membro do BioGroup, no que leva realizado unha extensa actividade científica, ten participado en 10 proxectos de investigación europeos e 24 de I+D do MEC e Xunta de Galicia e colaborou en 29 contratos de investigación con diversas empresas. Toda esta actividade deu lugar á supervisión de 15 teses de doutoramento, cinco patentes, unha marca rexistrada (pescaenverde) e 205 artigos en revistas internacionais con índice de impacto. O seu índice H é 37 e posúe un RG Score de 43,49.
No eido da xestión universitaria, coordinou a Rede Temática Nacional de Análise de Ciclo de Vida (2002-2012), o Máster Oficial en Enxeñaría Ambiental da USC (2005-2008) e o Grao en Enxeñaría Química dende 2014. Ademais, liderou a acreditación do título de Enxeñaría Química polo Instituto Europeo de Enxeñeiros Químicos (IChemE: http://www.icheme.org/membership/accreditation/universities.aspx).