Ir o contido principal

Gumersindo Guinarte tomou posesión como decano da Facultade de Dereito

Gumersindo Guinarte tomou posesión nunha sesión celebrada no Salón de Graos de San Xerome. Foto: Servimav-USC
Gumersindo Guinarte tomou posesión nunha sesión celebrada no Salón de Graos de San Xerome. Foto: Servimav-USC

O profesor de Dereito Penal Gumersindo Guinarte Cabada tomou posesión este xoves como decano da Facultade de Dereito nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Viaño e ao que asistiron numerosos compañeiros e amizades. Acompañarano os vindeiros catro anos no equipo de goberno do centro as profesoras Ana Gude Fernández, Marta Otero Crespo e Sonia Esperanza Rodríguez Boente.

No seu discurso de investidura o profesor Guinarte lembrou que a facultade da USC é a que ten a nota máis competitiva das catro que existen en Galicia, “mesmo coas outras tres en cidades con maior demografía que Compostela”, e ocupa o sexto lugar por nota de acceso entre as máis de 50 ofertas de grao en universidades públicas do Estado. Ademais, entre 2010 e 2015 o centro xestionou cada ano unha media de 25 proxectos de investigación de convocatorias competitivas, que sumaron en total máis de dous millóns de euros. Na mesma liña, o reitor destacou que a Facultade de Dereito é referencia en Galicia e unha das máis importantes de España. “Aquí estudaron presidentes de goberno estatais e autonómicos e persoeiros de relevancia internacional”, lembrou Viaño.

Os retos
Proporcionar ao estudantado unha mellor acollida no centro, unha docencia de grao e posgrao ben coordinada, novas ofertas formativas e unha axeitada orientación respecto das posibilidades para a súa formación posgraduada e as opcións profesionais son parte dos retos que se marca o novo decano para o futuro.

No acto de investidura, no que puxo de manifesto o “déficit crónico nas expectativas de renovación e promoción do seu persoal docente e investigador que hai que corrixir”, falou tamén de fomentar a internacionalización e o intercambio da comunidade universitaria, incrementar as relacións coas institucións e colexios profesionais do noso eido e traballar por manter e mellorar a nosa infraestrutura básica de investigación e de apoio á docencia como é a biblioteca Concepción Arenal. “Comparto –dixo– a idea expresada polo historiador americano Shelby Foote de que unha universidade é basicamente un grupo de edificios que se reuniron arredor dunha biblioteca”.

Rematou o seu discurso defendendo o Campus da cidadanía como “o marco axeitado para o impulso das áreas das ciencias sociais e xurídicas, para a mellora da súa calidade docente e investigadora e para a proxección da súa actividade”.

Gumersindo Guinarte
Licenciado e doutor en Dereito pola USC con premio extraordinario de doutoramento, Gumersindo Guinarte é ademais director do Instituto de Criminoloxía e foi secretario xeral da Universidade de Santiago durante oito anos. Ostentou tamén os cargos de vicevaledor do Pobo de Galicia (2002-2005) e secretario xeneral da Presidencia da Xunta de Galicia (2005-2009).

Autor de libros e artigos en revistas científicas sobre cuestións diversas de dereito penal (propiedade industrial, concurso de delitos, menores, terrorismo, violencia de xénero, tráfico de drogas, branqueo…) é coautor de varios comentarios ao Código penal de 1995.

A facultade
A Facultade de Dereito, con máis de 1.500 estudantes, imparte na actualidade o título de grao; os Másteres en Estudos Internacionais, en Fiscalidade Internacional e Comunitaria e en Avogacía; o dobre grao de Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos e o título propio de Diploma en Criminoloxía.

O equipo decanal xunto co reitor. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2015.