Gute Natch mestura música e danza na procura das diversas manifestacións do amor ou a morte
A próxima cita do festival son[UT]opías 2015/2016 será o espectáculo Gute Nacht que produce campUSCulturae segundo a idea e concepción artística do poeta, deseñador e performer Gonzalo Vázquez. Esta proposta escénica que mestura canto lírico, piano e danza contemporánea presentarase ao público este martes 26 ás 20.30 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, onde se desenvolverá tamén a segunda parte do espectáculo o mércores 27.
Gute Nacht propón unha reflexión sobre a diversidade de manifestacións que adoptan o amor ou a morte, explica o seu creador Gonzalo Vázquez, e explora as sinerxías de tres manifestacións artísticas cunha linguaxe propia a prol dunha única mensaxe.
O ciclo de actividades continuará o xoves 28 con Teatro pola Integración, unha experiencia de arte dramática desenvolvida por actores e actrices con e sen discapacidade que resulta do traballo de experimentación e investigación de campUSCulturae neste ámbito e que dirixen Ana Carreira e Manuel Polo. A presentación celebrarase a partir das 18.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultades de Xeografía e Historia).