Ir o contido principal

Heike Freire falará este venres en Formación do Profesorado sobre a pedagoxía verde como novo enfoque educativo

A autora do libro ‘Educar en verde: Ideas para acercar a niños y niñas a la naturaleza’ explicará os beneficios que reporta para os escolares o contacto co mundo natural

A autora do libro ‘Educar en verde: Ideas para acercar a niños y niñas a la naturaleza’, Heike Freire, ofrecerá este venres 8 de marzo, a partir das 19.00 horas, na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, a conferencia ‘Pedagoxía verde: un enfoque educativo para o século XXI’, unha charla que se inclúe dentro das actividades formativas organizadas ao abeiro do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polo profesor Eugenio Otero Urtaza.

Heike Freire, licenciada en Filosofía e Psicoloxía e especializada en innovación educativa, destaca tamén por ser a primeira e tamén a principal difusora en España das ideas recollidas por Richard Louv no seu libro ‘El último niño del bosque’, unha obra na que o autor expón a súa teoría sobre o que chama “trastorno por déficit de natureza”, unha carencia que non constitúe unha enfermidade en si mesma, pero que, segundo Louv, agrupa un conxunto de síntomas propios de doenzas como a depresión, o estrés, o déficit de atención-hiperactividade ou ansiedade. Para atallar estas eivas, Louw impulsa a corrente de retorno á natureza, un conxunto de ideas e iniciativas das que tamén participa Heike Freire, quen defende a necesidade de habilitar mecanismos para que os escolares poidan gozar das vantaxes que ten o contacto cotiá coa natureza, a fin de facer así a súa infancia nunha aventura na que nenos e nenas se sintan libres para mancharse no barro e na terra e empregar paos e pedras como xoguetes.

A relación entre exercicio ao aire libre na natureza co sobre peso infantil o con patoloxías do sono serán outras das cuestións abordadas na súa intervención na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo por Heike Freire, quen xa ten apuntado as súas teorías sobre estas cuestións en non poucos artigos de publicacións especializadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2013.