Ir o contido principal

Henrique Monteagudo, novo académico numerario da Real Academia Galega

O profesor do Departamento de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo ingresou este sábado como académico numerario da Real Academia Galega (RAG). Ocupa así a vacante deixada por Antonio Gil Merino, falecido en 2009. No acto de ingreso que tivo lugar no Paraninfo da Universidade o filólogo e secretario do Consello de la Cultura Galega pronunciou o discurso ‘Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística’ que lle foi respondido pola profesora e directora do Instituto da Lingua Galega da USC, Rosario Álvarez Blanco. Na súa intervención, o novo académico ofreceu unha reflexión arredor da situación sociolingüística do idioma galego, “que está a vivir unha grave crise”. Na súa opinión é a sociedade no seu conxunto quen ten que se comprometer na súa recuperación. “Se o galego se perdese – dixo- o máis terrible sería que esa perda constituiría, moi probablemente, a proba definitiva da incapacidade de Galicia para artellarse como tal”. Para iso, explicou, hai que superar “a perspectiva limitadamente partidista”, sendo a propia sociedade a que impida as “manipulacións politiqueiras de curto alcance”. Xa que logo, “o principal campo de batalla da loita pola recuperación do galego é a sociedade, antes ca a política”, insistiu.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2012.