Ir o contido principal

A herba, un potencial negocio de economía circular para o medio rural, alén da súa esencia forraxeira

Investigadores europeos participantes na reunión do proxecto Go-Grass, no Campus Terra
Investigadores europeos participantes na reunión do proxecto Go-Grass, no Campus Terra
Investigadores de vinte países europeos tratan no Campus Terra da USC os posibles aproveitamento da herba de terras de baldío como da procedente de excedentes para a fabricación e proteína ou papel, así como para a elaboración de camas de gando ou de biochar, ao abeiro do programa Go-Grass, un proxecto europeo financiado con 7 millóns de euros no que participa o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos que lidera a catedrática Rosa Mosquera
Lugo

Investigadores de vinte países europeos tratan no Campus Terra da USC os posibles aproveitamento da herba de terras de baldío como da procedente de excedentes para a fabricación e proteína ou papel, así como para a elaboración de camas de gando ou de biochar, ao abeiro do programa Go-Grass, un proxecto europeo financiado con 7 millóns de euros no que participa o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos  da USC.

A catedrática da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e coordinadora deste grupo de investigación, Rosa Mosquera, abriu este mércores a reunión final dos socios integrados no consorcio promotor dun proxecto que chega ao seu remate logo de catro anos de traballo. A intervención desta investigadora do Campus Terra da USC deu pé á posterior presentación dos distintos prototipos desenvolvidos polos socios integrados e implicados no proxecto Go-Grass que permiten ou cando menos albiscan novas posibilidades de aproveitamento da herba colleita ou residual desde a perspectiva da bioeconomía ou economía circular.

As catro propostas ou prototipos demostrativos xerados no marco do proxecto Go-Grass e que albiscan novas posibilidades de aproveitamento sustentable da herba alén do seu emprego como recurso para alimentación do gando, dan conta do potencial que agocha este recursos natural como materia prima para a produción de proteína orgánica apta para a fabricación de pensos de alimentación animal, pero tamén para alimentación humana, para a elaboración de camas para o gando, para a fabricación de pasta de papel e mesmo para a elaboración de biochar, unha sorte de carbón vexetal rico en fósforo e con múltiples aptitudes para o seu uso como enmenda para os solos.

Os  novos usos e aproveitamentos da herba respectuosos cos postulados da economía circular que fixo agromar o proxecto Go-Grass antóllanse como solucións de vital importancia tanto para Galicia para para o conxunto de Europa, dado que arredor do 21% de la superficie total de la UE está cuberta de pastizais e  áreas arbustivas, unha ampla extensión xeográfica non sempre aproveitada, cando non inutilizada, segundo indica Rosa Mosquera.
As novas posibilidades de aproveitamento da herba como materia prima para diversos negocios e ou actividades empresariais constitúe, segundo indicou a investigadora da USC, un novo aliado para loitar contra o progresivo abandono da terra e, en consecuencia, do medio rural.

Mosquera salientou asemade o impacto social que xeran accións de innovación do tipo de Go-Grass, dado que un dos principais cometidos deste tipo de proxectos é o de ofrecer ao tecido empresarial solucións ou ferramentas para desenvolver actividades e impulsar modelos de negocio baixo o paraugas da economía circular.

Respecto dos catro prototipos demostrativos sobre o aproveitamento da herba presentados por este consorcio europeo na sede universitaria luguesa, Mosquera indicou que a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias tratará de achegar ao empresariado da comunidade o prototipo demostrativo que permite o emprego de herba como materia prima para a obtención de proteína para uso alimentario. Mosquera explicou que na actualidade, a proteína empregada na actualidade para a fabricación de pensos de alimentación animal procede da solla, o que obriga á súa importación. Daquela, engadiu a investigadora da USC, o aproveitamento dos recursos que ofrecen os prados e demais superficies agrarias de Galicia para fabricar proteína implicaría unha redución de costes, ao tempo que mitigaría sensiblemente a pegada de carbono deste proceso.

Rosa Mosquera, na súa intervención na reunión do proxecto Go-Grass
Rosa Mosquera, na súa intervención na reunión do proxecto Go-Grass
Investigadores europeos participantes na reunión do proxecto Go-Grass celebrada en Lugo
Investigadores europeos participantes na reunión do proxecto Go-Grass celebrada en Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2023.