O himno dos caraveis volveu resoar na USC medio século despois
Conversa e música déronse a man no acto en homenaxe ao cantautor portugués Zeca Afonso co que a Facultade de Filoloxía conmemorou os 50 anos transcorridos dende que o 10 de maio de 1972 o xenio luso interpretara en Compostela e, por primeira vez en público, o tema que acabaría por converterse no emblema da Revolución dos Caraveis. Arredor de 350 persoas déronse cita no auditorio deste centro da USC no marco dun acto conducido polo actor Carlos Blanco e no que volveron resoar os acordes de ‘Grândola, Vila Morena’.
O acto, que se desenvolveu baixo o lema ‘Zeca. Maior que o pensamento’, botou a andar cun coloquio no que interviñeron Zélia Afonso, viúva de Zeca Afonso; Maite Angulo Carballal, viúva do cantante Benedicto García Villar; Francisco Fanhais, presidente da Associação José Afonso; e o expresidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a persoa que presentou o recital do 72. O xornalista Suso Iglesias moderou o coloquio.
A propia Maite Angulo, quen convenceu a Zeca Afonso para actuar en Compostela, definiu o artista como "un home comprometido", de gran "bondade" e "voz prodixiosa". Maite Angulo formou parte do grupo de estudantes promotor do histórico concerto e lembra o intre no que soou ‘Grândola, Vila Morena’ como "moi emotivo". Zeca Afonso "non sabía como resultaba en público" a canción, continúa Maite Angulo, e ao interpretar o tema ante o estudantado compostelán decatouse de que "aquilo tiña forza, sentido".
A intervención de dúas estudantes actuais da USC, Claudia Pernas e Iria Nande, serviu de preámbulo ao concerto no que actuaron Uxía Senlle, João Afonso —sobriño de Zeca Afonso—, Couple Coffee, Nacho·Faia·Lar e Xico de Carinho. Uxía Senlle definiu o evento como “un acto de amor á obra e á figura do Zeca”.
O decano da Facultade, Elias J. Feijó Torres, referiuse á homenaxe como un exercicio de “gratitude da Universidade ás persoas que dedicaron o seu tempo e entusiasmo para combater o franquismo, tamén de maneira cultural artística e lúdica”.