Ir o contido principal

Histagra buscará vítimas da violencia franquista en fosas de Viana do Bolo, Oza-Cesuras e Narón

O equipo conta na actualidade con preto dun cento de fosas localizadas. FOTO: Histagra
O equipo conta na actualidade con preto dun cento de fosas localizadas. FOTO: Histagra
O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia acometerá traballos de localización, exhumación e identificación dos restos, así como de divulgación dos resultados e dignificación dos lugares de enterramento
Santiago de Compostela

As fosas de Santa María de Pradocabalos (Viana do Bolo), do cemiterio de San Salvador de Trasanquelos (Oza-Cesuras) e de Santa María do Val (Narón) centrarán os traballos de localización, exhumación e identificación de vítimas asasinadas pola violencia franquista no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023. O equipo atópase integrado por historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas que pescudan sobre o pasado de violencia en Galicia, xa coa experiencia de 2021 e 2022, mediante o estudo e a exhumación de tres novas fosas de 1936-1939.

Por parte da USC, a través do grupo de investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), integran o equipo o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o profesor Antonio Míguez Macho, os cales coordinan un equipo formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro'.

Ademais das tarefas de localización, exhumación e identificación, o Plan conta con outras dúas liñas estratéxicas relativas á divulgación dos traballos efectuados e dos seus resultados, xunto coa dignificación dos puntos de enterramento e promoción dos lugares de memoria. Entre 2021 e 2022 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), alén de comezar as investigacións da fosa de Serantes (Ferrol) e a actualización do mapa de fosas “onde na actualidade contamos con 91 localizadas”, explican dende Histagra. En doce delas, os restos foron trasladados a Cuelgamuros en diferentes anos. Para a presente anualidade, contémplase o recoñecemento do espazo da fosa común do cemiterio de Celanova, a de Vilagarcía de Arousa, Crecente e Lousame.

Axuda da sociedade civil

“Seguimos actualizando o mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista”, explican dende Histagra. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible, por iso facemos un chamamento a todas as persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos”, engaden. “De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares de asasinados/as, convértese nun piar fundamental da investigación”, afirman. As persoas interesadas poden contactar co equipo investigador a través de histagra [at] usc.es (histagra[at]usc[dot]es)

En agosto de 2023 asinouse entre a USC e a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, o convenio de colaboración para poñer en marcha a anualidade 2023 do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2023.