Ir o contido principal

HistAmérica reflexiona sobre a historia recente de Chile a través dos Encontros na Fundación Eugenio Granell

Monumento a Salvador Allende (Santiago de Chile). FOTO: Pixabay
Monumento a Salvador Allende (Santiago de Chile). FOTO: Pixabay
O grupo de investigación organiza tamén un ciclo de cinema e debate que terá lugar os luns 18 e 25 de setembro na Facultade de Filosofía para visualizar dende outro ángulo o coñecemento das ditaduras militares latinoamericanas durante a Guerra Fría
Santiago de Compostela

O grupo de Historia de América da USC (HistAmérica) organiza na Fundación Eugenio Granell un ciclo de conferencias mensuais coa finalidade de ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América. Os relatorios reinícianse este mércores, 20 de setembro, ás 19.00 horas, coa intervención de Mario Amorós, especialista en historia contemporánea de Chile. Co título  'A Unidade Popular chilena, 50 anos despois' a conferencia  ofrece unha ollada á historia de Chile a partir das biografías de Salvador Allende e Víctor Jara.

“O golpe de Estado do 11 de setembro de 1973 abriu unha ferida profunda na memoria de toda unha xeración”, apuntan dende HistAmérica. A derrota da esquerda, agrupada na Unidade Popular, o derrocamento do Goberno constitucional e a inmolación de Salvador Allende en La Moneda bombardeada significaron o final abrupto da vía chilena ao socialismo. Neste encontro, Mario Amorós evocará e explicará este proceso histórico “a partir das biografías de dúas figuras singulares: a do dirixente político que soubo unir á esquerda durante dúas décadas e encabezar aquel proceso histórico e a do cantante e creador, asasinado o 15 de setembro de 1973 polos oficiais do exército”, engaden.

Mario Amorós (Alacante, 1973) é licenciado e doutor en Historia pola Universidade de Barcelona e licenciado en Periodismo pola Universidade Complutense de Madrid. Especialista en historia contemporánea de Chile, foi profesor invitado na Universidade de Chile e é autor de biografías de Salvador Allende, Víctor Jara, Pablo Neruda, Miguel Enríquez e o ditador Augusto Pinochet. Colabora asiduamente en medios de comunicación de España e Chile.

Os Encontros, abertos ao público en xeral, teñen lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados por HistAmérica e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural. Os seus participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vinculados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas.

50 anos

Ademais dos Encontros, os luns 18 e 25 de setembro, HistAmérica impulsa o ciclo de cine e debate titulado ‘50 de anos dos golpes militares de Uruguai e Chile’. As sesións desenvolveranse ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía e están pensadas para visualizar dende outro ángulo o coñecemento das ditaduras militares latinoamericanas durante a Guerra Fría.

O luns 18 proxectarase Mundialito, película uruguaia de 2010, presentada polo profesor de Historia de América e especialista en historia política uruguaia, Eduardo Rey Tristán, quen moderará o debate. O luns 25 será a quenda do filme chileno Postmortem (2010), neste caso presentado e moderado polo investigador chileno, Francisco Morales Aguilera, actualmente investigador visitante no grupo HistAmérica da USC. Participarán ademais outros especialistas da USC na temática.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2023.