A historia, a actualidade e as perspectivas de futuro da propiedade da terra en Galicia, a debate nun coloquio na Casa do Saber de Lugo
Os días 16 e 17 de novembro a Casa do Saber de Lugo acolle o coloquio A propiedade da terra: desde a historia para o futuro. 30 anos da publicación de La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, de Ramón Villares, organizado pola Rede de Agroecoloxía ReVOLTA da USC e da Universidade de Vigo. Desta iniciativa multidisciplinar forman parte o Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), o Grupo de Estudos de Historial Empresarial e Sectorial (Gespic), o Laboratorio do Territorio (LaboraTe), o Grupo de Investigación Construción Sostible para o Medio Rural e Natural (Cosmerun), e o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecomía (Gieea), este último da Uvigo. Na rolda de prensa de presentación do encontro participaron os investigadores da USC Eduardo Corbelle, xestor de ReVOLTA; Rafael Crecente, coordinador do Laboratorio do Territorio da USC; e Xoán Carlos Carreira, coordinador do grupo de investigación Construción Sostible para o Medio Rural e Natural da USC. Na súa intervención, Eduardo Corbelle definiu este congreso como “o peche a unha serie de actividades organizadas desde ReVOLTA durante todo 2012, en Santiago, Vigo, Ribadeo ou O Courel, e que teñen neste coloquio aberto ao público o colofón a un traballo conxunto entre todos os membros da rede que agardamos que se poidan manter de cara ao futuro”. Sobre o tema central do encontro, Corbelle lembrou a repercusión da publicación en 1982 da obra de Villares, “que trinta anos despois segue a ser o referente no estudo do proceso histórico sobre a evolución da propiedade da terra en Galicia, coa análise do proceso de formación dos dominios territoriais e a organización da propiedade da terra progresivamente consolidado ao longo do Antigo Réxime e mantido ata o século XIX, con efectos aínda visibles na lexislación actual”. Pola súa parte Xoán Carlos Carreira destacou a necesidade de “cambiar a dirección da mirada e darlle unha nova orientación á análise da propiedade da terra en Galicia”, en cuestións como o minifundismo, “que ata o de agora se presentou sempre como un problema, cando non está nada claro que sexa así, polo menos nunha concepción máis actual do modelo produtivo”. Carreira fixo referencia tamén á “profunda transformación da realidade agraria galega nos últimos trinta anos”, coa incorporación da conciencia ecolóxica tanto na produción coma no consumo, “e na que hai que empezar a reflexionar sobre se o monocultivo gandeiro, no que se baseou o sistema de produción en Galicia nas últimas décadas, está ou non está xa esgotado”. Para Rafael Crecente, “a posta en marcha desta rede de agroecoloxía, multidisciplinar e interuniversitaria, permite unha sinerxía da que parte un achegamento á realidade agraria galega moito máis amplo ca calquera outro que se puidese facer ata o de agora, polo que o noso obxectivo coa organización deste coloquio é, ademais de reflexionar e compartir coñecementos, chegar a facer propostas reais de cara a onde encamiñar o futuro da propiedade da terra en Galicia”. Crecente puxo de relevo “a transcendencia que ten facer unha análise rigorosa da propiedade agraria galega e dos seus datos cuantitativos, funcións, dereitos e obrigas, especialmente nunha comunidade como a galega na que un de cada dous habitantes é propietario”. Programa das xornadas O venres 16 ás 09.30 horas o coloquio será inaugurado oficialmente polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o coordinador da Rede de Agroecoloxía ReVOLTA, Lourenzo Fernández Prieto. A primeira das mesas redondas leva por título ‘O interese do estudo histórico da propiedade no contexto da revolución burguesa’ e nela participan os profesores Ramón Villares (USC), Ramón Garrabou (Universitat Autònoma de Barcelona), Manuel González de Molina (da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla), Ricardo Robledo (Universidad de Salamanca) e Jesús Millán (Universitat de València), con Lourenzo Fernández Prieto como coordinador. A continuación outra mesa redonda centrará o debate na relación entre propiedade individual (minufundio) e propiedade comunal (latifundio) e as mudanzas históricas no sentido da propiedade; nestoutro coloquio interveñen os profesores Xesús Balboa e Ana Isabel García Arias (USC) e David Soto (Universidad Pablo Olavide), e o maxistrado Luis Villares. O encargado de moderar o debate será Xoán Carmona Badía, da USC. A actividade da tarde desta xornada consistirá nunha sesión de traballo de campo no lugar de San Salvador de Asma (Chantada). Nela falarase, sobre o terreo, da dispoñibilidade de datos acerca da propiedade, a súa evolución pasada e o seu estado actual. Os encargados de coordinar a actividade son os profesores da USC Ramón Villares, e Luis Guitián. O programa continúa o sábado 17 coa mesa redonda ‘Onte e hoxe da propiedade e uso da terra: efectos territoriais e organización da produción. ¿Para que vale a propiedade da terra hoxe?’, a cargo dos investigadores Eduardo Corbelle, Xoán Carlos Carreira, Pegerto Saavedra e Edelmiro López Iglesias, moderados por Xavier Simón Fernández, da Universidade de Vigo. Baixo esta mesma epígrafe desenvólvese a segunda mesma redonda da xornada, na que os interviñentes serán os profesores Rafael Crecente, Xaquín Fernández Leiceaga e Francisco Ónega (USC), e Xavier Simón (Universidade de Vigo), ademais dun dos fundadores da cooperativa Monte Cabalar (A Estrada), Fuco Barreiro. Neste último coloquio o moderador será David Miranda Barrós, da USC. O encontro rematará coa clausura das actividades da Rede de Agroecoloxía, enmarcadas na nos principios da iniciativa, que explica o seu coordinador: “Non defendemos nin o minifundio privado nin o latifundio comunal, porque o obxectivo é superar os límites da propiedade para a mobilización dos recursos e as posibilidades produtivas no mundo rural que vaian en favor das comunidades e da sustentabilidade”.