Ir o contido principal

Historia da Arte e Enxeñaría Química despiden as súas respectivas promocións

Historia da Arte e Enxeñaría Química celebrarán este venres 3 os seus respectivos actos de graduación. O primeiro deles ás 17.30 horas no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia. Presidido polo reitor Juan Viaño, o programa comezará coas intervencións de Carla Serrano Sastre e Santiago Rodríguez Caramés en representación do alumnado, a quen seguirán David Chao Castro e Ángel Luís Hueso Montón como padriños da promoción. Logo da entrega de diplomas conmemorativos, tomarán a palabra o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras, e o decano de Xeografía e Historia, Juan Monterroso Montero.

A partir das 18.00 horas, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), dará comezo a graduación da cuarta promoción de Enxeñaría Química que presidirá a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido Quintana. Marta Cano e José A. Prieto abrirán a quenda de palabras en representación do alumnado e precedendo a Ana Mª Soto, madriña da promoción. Seguiranlle o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo Costa; o subdirector da ETSE, Francisco Omil Prieto; e o director de Operacións do grupo Conservas Garavilla, José M. Blanco Cid. Completando o acto, entregaranse diplomas conmemorativos ao alumnado que remata os seus estudos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2016.