Historia e Historia da Arte na USC, as dúas titulacións coas notas de corte máis altas de España dentro do seu ámbito
Os graos en Historia e Historia da Arte na USC sitúanse como as dúas titulacións coas notas de corte máis elevadas dentro do seu eido. A puntuación correspóndese coa do último alumno ou alumna que entrou en cada un deses graos da universidade pública en España e nos centros adscritos ás mesmas na convocatoria ordinaria de 2021. Así a nota de corte do grao en Historia na USC sitúase no 9,43, mentres que a de Historia da Arte acada o 8,694.
O decano da Facultade de Xeografía e Historia, centro no que se imparten estas titulacións, Marco Virgilio García Quintela, amosouse satisfeito ao ser ademais responsable das dúas titulacións. O grao en Historia vai máis alá da crónica de acontecementos pasados. “Trátase de comprender criticamente os procesos históricos, entendendo o presente, a sociedade, a cultura, as estruturas económicas e políticas actuais como o seu produto”, apuntan dende a coordinación do título que corre a cargo de Miguel Cabo Villaverde. Entre as saídas profesionais destacan, entre outras, a docencia, a investigación ou a xestión cultural.
Doutra banda, a Historia da Arte é unha disciplina científica e humanística que ten como obxectivo “a análise da produción artística, dos seus procesos de creación, e a súa contribución social dentro da Historia da Cultura”, explican dende a coordinación do grao que corre a cargo de María de Fátima Díez Platas. Entre as saídas profesionais destaca a xestión do patrimonio cultural, os museos e coleccións e as tarefas de investigación e ensino secundario e universitario.