Ir o contido principal

A ‘Historia de Pura e Angelita’ da Aula de Teatro da USC acada o premio do público na MITEU de Ourense

Momento da representación de 'Historia de Pura e Angelita'
Momento da representación de 'Historia de Pura e Angelita'
A compañía actuará o vindeiro 27 de abril no Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña

A Aula de Teatro da USC acadou o premio dos espectadores na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. A representación da obra ‘Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz’ recibiu o recoñecemento do público durante a última edición da mostra. A concesión deste galardón, recollido polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, coincide coa celebración do vinte aniversario de creación da compañía. ‘Historia de Pura e Angelita’ é a última montaxe da Aula de Teatro da USC en Santiago e está dirixida por Roberto Salgueiro. Trátase dun conto sobre un país asfixiado pola intolerancia, un pequeno divertimento grotesco que trata de reflexionar sobre unha realidade que, malia a distancia no tempo, se cadra non está tan afastada e aínda se agocha detrás dos mobles, no escuro dos armarios ou na humidade dos faiados das nosas casas. Tras pasar polos festivais universitarios da Universidade de Santiago e da mostra de Ourense, a obra poderá verse durante o FITEUC da Coruña. Será o mércores 27 de abril, a partir das 20:30 horas, no Teatro Rosalía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2011.