O historiador Antonio Bonet volve á súa “universidade alma mater” para ser investido doutor honoris causa
A Universidade de Santiago de Compostela investiu este luns doutor honoris causa ao historiador da arte Antonio Bonet Correa, director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, nun acto académico presidido polo reitor Juan Casares Long e no que actuou como padriño o catedrático de Historia da Arte da USC Alfredo Vigo Trasancos, que ademais do seu “enorme” talento científico e académico salientou a “ excepcional bonhomía” de Bonet . A proposta deste doutoramento ao profesor Bonet (A Coruña, 1925) xurdiu do Departamento de Historia da Arte da USC, universidade na que nos anos 40 cursou os estudos de Filosofía e Letras na sección de Historia (licenciándose en 1948) e na que logo impartiu clases de arte como profesor axudante. A comezos dos anos 50 marchou a Francia para continuar alí a súa formación en prestixiosas institucións académicas e volveu a España, concretamente a Madrid, para doutorarse en 1957 cunha tese sobre a arquitectura galega durante o século XVII, merecedora do Premio Nacional Marcelino Menéndez Pelayo e que, en palabras de Vigo Trasancos na súa laudatio, “se converteu nunha obra culminante, clave no estudo dun período determinante da arquitectura galega e todo un fito historiográfico, que pon en valor o clasicismo tardío da arquitectura galega básico para coñecer o gran espertar do noso Barroco”. A súa carreira académica pasou despois por Murcia, Sevilla e Estrasburgo e rematou como catedrático emérito da Complutense. Conta no seu haber cun sen fin de recoñecementos, aos que en 2012 se sumou o Ministerio de Educación e Cultura coa concesión da Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Santiago, referencia Bonet trazou nun emotivo e detallado discurso os seus anos vividos en Compostela e na Universidade de Santiago, “norte e guía da miña existencia tanto persoal como profesional”, unha historia de vida que o levou a lembrar non só os anos como universitario senón tamén a vida cultural e política da capital de Galicia. Deses anos garda lembranzas de moitos dos seus profesores, pero tamén recordos e recoñecementos especiais de quen marcaron o seu decorrer de xuventude, como Lisardo Ramos Terzado, “ bedel universitario durante máis de catro decenios. Alto e delgado, áxil e sempre activo, alma e vida da Facultade”. “Coa súa monumentalidade de bosque de pedra Santiago –dixo– foi sempre para min a cidade que me levou a amar a arquitectura”. Esa paixón pola paisaxe urbana destacouna tamén o reitor na súa intervención, que cualificou a Bonet como “un dos máis recoñecidos e prestixiosos investigadores en distintos aspectos da cultura artística barroca, sen descoidar outras estéticas como a arte contemporánea”. Bonet segue con esta investidura, dixo, a estela de distinguidos persoeiros como Gustavo Cordeiro, Andrés Segovia e Xosé Filgueira Valverde. Asistentes Entre o nutrido grupo de asistentes relevantes á cerimonia figuran o alcalde da cidade, Ángel Currás; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; e o ex presidente da Xunta de Galicia , Xerardo Fernández Albor. Na mesa presidencial o reitor estivo acompañado dos vicerreitores de Estudantes, Investigación e Coordinación do Campus de Lugo da USC e de Investigación da Universidade da Coruña. A cerimonia desenvolveuse no Paraninfo da Universidade. Foto: Santi Alvite