Ir o contido principal

Homenaxe ao catedrático Anxo Tarrío Varela

Trátase dun acto organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, do que foi director da Área de Literatura

Con motivo da xubilación do catedrático da USC Anxo Tarrío Varela, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades organiza este venres 16 un acto homenaxe de quen tamén foi director da Área de Literatura deste centro durante dúas décadas. A sesión, aberta ao público interesado, comezará ás 12.30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Roque en Compostela (r/ San Roque).

Na mesa que presidirá o acto estará presente o reitor da USC, Juan Viaño, o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. Tamén participará o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, quen pronunciará a laudatio do homenaxeado, tamén presente na mesa.

No marco deste acto, ao que tamén teñen confirmada asistencia representantes de diversas institucións, farase entrega ao homenaxeado do primeiro exemplar do volume Sobre letras e signos. Estudos en Homenaxe a Anxo Tarrío Varela, no que máis de medio cento de docentes e persoal investigador de toda Galicia, do resto de España e de diversos puntos de Europa agasallan o profesor Tarrío Varela con amplos e rigorosos artigos que conforman unha obra de preto de oitocentas páxinas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2017.