Ir o contido principal

Unha homenaxe ao catedrático Luis Castedo abre o Congreso Italo-Español en Química Orgánica

Celébrase o seu setenta aniversario o domingo, día 7, ás 17:30 horas cun acto no Auditorio do Palacio de Congresos Príncipe Felipe de Oviedo

O VII Congreso Italo-Español en Química Orgánica abre este domingo 7 cunha homenaxe ao labor investigador do catedrático da USC Luis Castedo. O acto terá lugar a partir das 17:30 horas no Auditorio do Palacio de Congresos ovetense Príncipe Felipe. A reunión coincide coa celebración do seu setenta aniversario e nela participan tres discípulos de Castedo que resumirán a súa vida como investigador, profesor e persoa.
O catedrático da Universidade de Málaga e ex alumno do homenaxeado, Rafael Suau, actuará como moderador no encontro ao que tamén asisten os discípulos e investigadores da USC Juan R. Granja e Enrique Guitián xunto co profesor da Universidade italiana de Perugia, Marcello Tiecco.
O congreso, que acolle un total de 24 conferencias, continua ata o mércores, día 10, coa fin de favorecer o intercambio científico entre os dous países europeos e contribuír ao debate sobre os acontecemento máis recentes no eido da química orgánica.
Luis CastedoCon máis de 45 anos de experiencia docente na Universidade de Santiago, Luis Castedo tamén é catedrático da Universidade de Bilbao dende 1972. Comezou a súa carreira investigando cuestións de química das substancias naturais e, na actualidade, conta con máis de 440 artigos en revistas especializadas con censor dos cales 139 foron publicados nos últimos dez anos.
O recoñecido experto tamén é membro do consello editor de publicacións como European Journal of Organic Chemistry, Current Organic Chemistry, Letters of Organic Chemistry, Current Organic Synthesis, ARKIVOC, Natural Products Research e The Open Organic Journal. Asemade, forma parte da Royal Society of Chemistry, a American Chemistry Society e a Real Sociedade Española de Química, ademais de ser avaliador de proxectos científicos nacionais e internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2008.