Ir o contido principal

Homenaxe póstuma en Económicas ao profesor Luis Suárez-Llanos Gómez

A Universidade de Santiago de Compostela homenaxea este venres 25 ao profesor Luis Suárez-Llanos Gómez, finado o pasado mes de xullo. Presidido polo reitor Juan Viaño, o acto terá lugar ás 12.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que desde este día pasará a levar o nome do homenaxeado.

Acompañarán ao reitor na mesa presidencial a decana da facultade, Emilia Vázquez, e o profesor Manuel Botana Agra, encargado da laudatio a quen foi catedrático de Dereito Mercantil da Universidade compostelá.

Intervirán ademais os profesores José Luis Río Barro e Rafael Millán (este último como discípulo do homenaxeado) e Alejandra Suárez-Llanos en representación da familia, que ao remate recibirá unha placa conmemorativa do acto.

Suárez-Llanos
Licenciado en Dereito pola USC e doutor pola Universidade de Bolonia, Luis Suárez-Llanos acadou en 1968 o traslado da Cátedra de Dereito Mercantil da Universidade de Granada á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais compostelá recén creada nesa época, da que foi decano e na que traballou ata 2008, cando rematou o seu nomeamento como profesor emérito.

Da súa extensa traxectoria, non só académica, cómpre sinalar que foi o primeiro director xeral de Universidades da Xunta de Galicia, presidente do Consello Económico e Social e membro fundador da Real Academia Galega de Ciencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2016.