Ir o contido principal

Homenaxe póstuma ao profesor Luis Suárez-Llanos Gómez

Homenaxe póstuma ao profesor Luis Suárez-Llanos Gómez
Homenaxe póstuma ao profesor Luis Suárez-Llanos Gómez

A Universidade de Santiago de Compostela rendeulle este venres unha homenaxe póstuma ao profesor Luis Suárez-Llanos Gómez, finado o pasado mes de xullo. Presidido polo reitor Juan Viaño, o acto desenvolveuse no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que desde hoxe pasará a levar o nome do homenaxeado.

Acompañaron ao reitor na mesa presidencial a decana da facultade, Emilia Vázquez, e o profesor Manuel Botana Agra, encargado da laudatio a quen foi catedrático de Dereito Mercantil da Universidade compostelá. No acto interviñeron ademais os profesores José Luis Río Barro e Rafael Millán (este último como discípulo do homenaxeado), e Alejandra Suárez-Llanos en representación dos familiares, que ao remate recibiron unha placa conmemorativa.

“Un adiantado á súa época”. Así definiu o reitor o profesor Suárez-Llanos, que “desde a visión xurídica que lle dá a súa disciplina vital, o dereito mercantil, logrou asentar os alicerces de estruturas nas que el confiaba e polas que loitou fronte a vento e marea”. E “esa forza que emanaba Luis”, dixo, “lograba ademais contaxiar de emoción a todos os mozos e mozas que anhelaban un futuro mellor, e a todos os maiores cheos de incertezas sobre o futuro máis inmediato”.

Suárez-Llanos
Licenciado en Dereito pola USC e doutor en Xurisprudencia pola Universidade de Bolonia, Luis Suárez-Llanos obtivo en 1965 a Cátedra de Dereito Mercantil da Facultade de Ciencias Económicas, Políticas e Comerciais de Málaga da Universidade de Granada e en 1968 obtivo por concurso de traslado a mesma cátedra na recén creada Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais compostelá, da que foi decano e na que traballou ata 2008, cando rematou o seu nomeamento como profesor emérito.

Da súa extensa traxectoria, non só académica, cómpre sinalar que foi o primeiro director xeral de Universidades da Xunta de Galicia (1983-1986), presidente do Consello Económico e Social (1996-2004) e membro fundador da Real Academia Galega de Ciencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2016.