Ir o contido principal

Unha homenaxe póstuma salienta a traxectoria da profesora Carmen Cadarso como referente da Bioestatística

O acto desenvolveuse na Facultade de Medicina e Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
O acto desenvolveuse na Facultade de Medicina e Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
A catedrática finada o ano pasado foi homenaxeada nun emotivo acto que se desenvolveu no marco da quinta reunión científica da Rede Biostatnet
Santiago de Compostela

A USC homenaxeou este xoves, 19 de xaneiro, a profesora Carmen Cadarso, finada en xuño do ano pasado, nun acto que se desenvolveu no marco da quinta edición da reunión científica da Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet), que tivo lugar na Facultade de Medicina e Odontoloxía. A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa participación de Julián Álvarez Escudero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía; Rosa Mª Crujieiras Casais, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMaga); David Conesa, da Universitat de Valencia e coordinador de Biostatnet; e Guadalupe Gómez Melis, da Universitat Pompeu Fabra e representante de Biostatnet. O reitor aproveitou a súa intervención para poñer en valor a dilatada traxectoria da homenaxeada, referente na aplicación de metodoloxías estatísticas no ámbito clínico e epidemiolóxico.

“O valor do colectivo” foi a frase elixida pola profesora Rosa Crujeiras á hora de sintetizar “a maneira que Carmen tivo de entender a súa labor como bioestatística, a súa maneira de relacionarse coa súa comunidade e coa sociedade”, sinalou a tamén directora do (CITMAga). Crujeiras subliñou a vontade que a homenaxeada sempre tivo de crear unha contorna “que permitira formar os novos talentos e que nos proxectara, como comunidade”, no ámbito estatal e internacional.

A continuación, desenvolvéronse diversos relatorios nos que se explorou, dende diversas perspectivas, a carreira de Carmen Cadarso, primeiramente en Biostatnet — coas intervencións de Guadalupe Gómez Melis (UPC) e Ana Bouzas Lorenzo (USC)—; e despois na contorna investigadora europea a través das achegas de Bruno de Sousa (Universidade de Coímbra), Thomas Kneib (Universidade de Gottingen) e Christel Faes (Univerisade de Hasselt).

O acto afondou tamén na relación de Cadarso Suárez co alumnado de doutoramento. Para profundar nesta cuestión interviñeron Javier Roca (Universidade de Vigo), Luís Filipe Meira Machado (Universidade do Minho), Mar Rodríguez Girondo (LUCM), Elisa Duarte (OCDE) e Óscar Lado Baleato (IDIS). Os traballos da homenaxeada no cambio da Biomedicina foron abordados por Francisco Gude Sampedro (IDIS). David Conesa Guillén oficiou a clausura do evento, que se pechou con música coral.

Traxectoria

Carmen Cadarso Suárez era, no intre do seu pasamento, profesora do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC. A catedrática estaba adscrita ao CITMAga, e deixou tras de si unha traxectoria de máis de 30 anos de docencia e de coordinación de proxectos e redes de investigación.

Cadarso era especialista en modelos de regresión flexibles e  joint  modelling para datos lonxitudinais e de supervivencia, e desenvolveu unha ampla experiencia na aplicación de metodoloxías estatísticas no ámbito clínico e epidemiolóxico. As súas liñas de investigación xeraron máis dun centenar de publicacións internacionais en revistas de impacto no eido da Estatística e da Biomedicina. Dirixiu o grupo de  Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos, foi copromotora da spin-off académica BIOSTATECH,  Advice,  Training  and  Innovation  in  Biostatistics; dirixiu a Rede Nacional de  Bioestatística (Biostatnet) e foi directora do Centro Interdisciplinario de  Bioestatística de carácter mixto e internacional da USC (ICBUSC).

Tamén desenvolveu a codirección do mestrado propio de Bioestatística da USC e dirixiu preto dunha vintena de teses de doutoramento. Participou activamente na organización de máis de 30 Congresos e Workshops de Bioestatística, dez deles de ámbito internacional. Nos últimos anos participou en múltiples proxectos, de nivel internacional, estatal e autonómico.

"A súa dilatada experiencia en investigación estatística, cun claro enfoque e importantes contribucións no ámbito biomédico, quedou de manifesto no seu extenso currículo, con máis de 200 publicacións en revistas internacionais de impacto, así como o seu liderado en numerosos proxectos de investigación competitivos. Ademais, é realmente destacable o labor de dinamización que levou Cadarso nas áreas biomédica e bioestatística, establecendo pontes entre a investigación que se realiza nos dous ámbitos", explican dende a Facultade de Matemáticas.

A súa traxectoria e contribucións, "nun ámbito tan fundamental para o noso benestar como a saúde e as Ciencias da Vida, levouna a xerar unha escola de profesionais da estatística que senten un gran agradecemento pola formación académica e o apoio persoal recibido", sinalaron.  "Toda a comunidade académica que a coñeceu e que colaborou con ela sente hoxe admiración pola súa persoa e unha grande pena pola súa perda", engadiron. Cadarso foi tamén fundadora do coro Collegium Compostellanum.  

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2023.