O Hospital Rof Codina mantén aberta ata o venres a inscrición nun curso de adestramento e educación canina
O Hospital Universitario Rof Codina da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo mantén aberto ata o vindeiro venres 2 de agosto o prazo de inscrición no curso de formación en adestramento e educación canina, un programa a través do que se busca capacitar aos alumnos/as para realizar un adestramento base a nivel profesional mediante o emprego de técnicas modernas e seguras tanto para o guía como para o benestar animal.
Este seminario, coordinado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director do Hospital Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino, contará como relatores con sete profesores da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. O educador canino Sergio Tejedor, do Departamento de Etoloxía da Facultade de Medicina Veterinaria da UAB, e Pedro Díaz, adestrador profesional e instrutor de grupos en adestramento comercial e obediencia deportiva, tamén intervirán nas distintas sesións formativas deste curso. O seminario de formación en adestramento e educación canina organizado polo Hospital Rof Codina estruturase en 330 horas lectivas e desenvolverase desde o 19 de agosto ata o 29 de setembro de 2013. As clases terán lugar nas propias instalacións do hospital universitario de luns a venres, en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Os contidos incluídos no programa deste curso son amplos e abranguen desde nocións de etoloxía e cambio de conduta, ata coñecementos ligados á nutrición, medios de transporte e aloxamentos caninos, hixiene, coidados sanitarios, anatomía e fisioloxía do can, primeiros auxilios e adestramentos. O prezo da matrícula é de 3.300 euros, aínda que os estudantes da USC poderán beneficiarse de descontos. As persoas interesadas poden obter máis información a través da dirección de enderezo electrónico etolog%EDa [at] rofcodina.org (etología[at]rofcodina[dot]org).