Ir o contido principal

O hospital Rof Codina e Pet Select prolongan ata final de ano o programa de control de sobrepeso en mascotas

Un gato sobre unha báscula, no hospital veterinario Rof Codina
Un gato sobre unha báscula, no hospital veterinario Rof Codina
A dieta húmida ‘obesity’, creada por Pet Select a partir de descartes de pesca, mellora a saúde dos animais, amplía a súa esperanza de vida e reduce custos veterinarios, sinala o director do ‘Rof Codina’, Antonio González Cantalapiedra, que estima que máis dun 30% dos 127 millóns de gatos e 104 millones de cans que hai en Europa están obesos
Lugo

O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus Terra da USC e a empresa galega Pet Select, especializada na fabricación de alimento húmido para cans e gatos, prolongarán ata final de ano o programa de control de sobrepeso en mascotas coa dieta ‘obesity’, unha liña de alimentación específica con alto valor engadido elaborada a partir de descartes de pesca que permite reducir ata un 2% o peso das mascotas obesas, a través dun programa de control de peso e adelgazamento supervisado polo director do ‘Rof Codina’, Antonio González Cantalapiedra, xunto coa tamén docente na Facultade de Veterinaria, María Luisa Fernández Rey, e a veterinaria e investigadora Jessica Blanco.

A iniciativa posta en marcha por Pet Select xunto co hospital veterinario Rof Codina para contribuír a mellorar a saúde de cans e gatos en idade adulta que presentan problemas de sobrepeso está a experimentar un elevado grao de éxito, dado que a porcentaxe de abandono dos animais que xa participaron no programa, estruturado en diversas fases ao longo de tres meses, é mínima. Alén dos efectos inmediatos da dieta ‘obesity’, que se traducen nunha sensible redución do peso e da masa corporal das mascotas, González Cantalapiedra, indica que “as mascotas con menos peso teñen tamén menos problemas de mobilidade, soportan mellor as temperaturas elevadas e presentan menos riscos de sufrir cardiopatías, lesións articulares, pancreatite, osteoartrite, diabetes mellitus, enfermidades respiratorias, problemas dermatolóxicos...”

A obesidade constitúe pouco menos que unha das principais epidemias que afecta ás mascotas, cuxa poboación non para de medrar. De feito, en Europa contabilízanse uns 127 millóns de gatos e 104 millones de cans, segundo os datos recollidos no último informe publicado pola Federación Europea de Alimentación para Animales de Compañía (FEDIAF) e referidos a 2022. As causas desta problemática acostuman estar relacionadas con comportamentos e prácticas dos seus propietarios ou titores, ben por subministrar dietas excesivas ben por non permitir ou favorecer que os animais fagan exercicio físico suficiente. A casuística apunta que a obesidade ten aínda unha maior incidencia no caso dos felinos, xa que en algunhas rexións, tal e como sinalan estudos realizados en Estados Unidos, a porcentaxe de  gastos obesos, aqueles cuxo peso supera nun 20% considerado ideal, supera o 50%, relata González Cantalapiedra. Os hábitos sedentarios dos gatos, que son mascotas que acostuman permanecer no interior das casas, e as súas preferencias alimentarias, son, na opinión deste profesor da USC, factores que implican un maior nivel de obesidade entre estas mascostas.

A inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións fai imposible dispoñer dun censo de mascotas actualizado e esta ausencia de controis dificulta asemade coñecer con exactitude as particularidades de cada animal, así como as posibles patoloxías das mascotas, cuxa vixilancia da súa saúde depende en gran medida da vontade dos seus respectivos propietarios, engade González Cantalapiedra. O director veterinario do hospital Rof Codina precisa asemade que a participación nesta campaña de control de peso promovida por Pet Select non reporta coste algún e inclúe unha revisión completa de balde para as mascotas, que tamén recibirán gratis dieta ‘obesity’ de Pet Select para un período de tres meses.

As persoas interesadas poden acadar máis información sobre este programa a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity [at] rofcodina.org (obesity[at]rofcodina[dot]org). O único requisito que deben cumprir os animais para participar neste programa de investigación é que estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas, que tamén deberán acudir ás revisións de control de peso programadas no Rof Codina para avaliar a evolución dos animais.

Pet Select

A empresa Pet Select, con sede en Pobra do Caramiñal, é a división de alimentación de mascotas de Jealsa, líder global na producción de alimento húmido para mascotas. Trátase dunha compañía pioneira e que aposta pola innovación. De feito, nos últimos cinco anos, dedica boa parte da súa actividade á produción de alimentos húmidos para mascotas con ingredientes naturais recoñecibles e que xeran pouca pegada de carbono.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2023.