Humanidades activa un contador de violencia machista para sensibilizar sobre a vulneración de dereitos da muller
A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC convida a reflexionar sobre a múltiple tipoloxía de abusos e vulneración de dereitos que sofren as mulleres en España a través da activación dun contador de violencia machista. Esta iniciativa, desenvolvida desde comezos de ano polo alumnado da materia Ética e Política de Dereitos Humanos, pretende dar visibilidade, ademais de sensibilizar sobre a grave problemática, en moitas ocasións silenciada ou descoñecida, que afecta á poboación feminina.
“Desde que puxemos en marcha este contador de violencia a comezos de xaneiro, xa están rexistrados un bo número de casos nos que se percibe a vulneración de dereitos das mulleres”, relata a profesora Beatriz Fernández Herrero. Esta docente, que considera moi importante facer visible esta lacra social a fin de avanzar na prevención deste tipo de situacións, destaca que os episodios de maltrato físico e incluso mesmo os asasinatos, son os casos que captan máis atención na sociedade.
Fernández Herrero engade asemade que o labor de observación e busca que realiza o alumnado implicado na actualización deste contador de violencia machista permite sacar á luz moitas situacións silenciadas, pero que no fondo encobren diversas formas de violencia. “Moitas destas condutas menos visibles, algunhas merecedoras de incluír na chamada violencia estrutural, responden á consideración de microchamismos, aínda que é posible que non sexa a definición máis acertada”, comenta Fernández Herrero.
Alén do número de casos xa computados no contador de violencia machista activado este ano, a coordinadora desta actividade práctica puxo o foco nas novas formas de acoso ou vulneración de dereitos de mulleres xa advertidos. Así, esta docente sinalou as prácticas de ciberacoso ou insultos a mulleres que arbitran competicións deportivas como dúas das situacións máis singulares detectadas este curso no panorama nacional.
“Seguro que non somos capaces de contabilizar todos os casos que se producen, a pesar de que o alumnado fai un seguimento dos medios de comunicación e tamén desenvolve buscas específicas en Internet. Aínda así, a pesar deste esforzo, non todas as administracións ofrecen as mesmas facilitadas para achegar estes datos nin aportan o mesmo grao de información”, dixo Fernández Herrero, que sinalou a do País Vasco como unha das administracións do territorio español máis transparente á hora de facilitar este tipo de información estatística.