Ir o contido principal

Humanidades celebra a festividade do patrón cun acto no que tamén distinguirá a profesora Concepción Burgo López

O acto académico co gallo de San Isidoro desenvólvese este xoves, a partir das 12.00 horas, no salón de graos do centro universitario lugués

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC celebrará este xoves, a partir das 12.00 horas, o acto institucional conmemorativo da festividade do seu patrón, San Isidoro, cunha sesión que servirá tamén para render homenaxe á profesora Concepción Burgo López, a que a Facultade de Humanidades agasallará coa entrega dunha insignia.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e o deputado provincial Álvaro Santos Ramos, tamén intervirán como relatores nesta sesión conmemorativa da festividade de San Isidoro, patrón das Humanidades, e no marco da que a profesora Burgo López ofrecerá o relatorio ‘A miña historia da Facultade de Humanidades’.

O acto conmemorativo da festividade de San Isidoro, unha sesión no marco da que Carlos Ariel interpretará ‘Suites para violoncello’, de Johann Sebastian Bach, será tamén o escenario no que os responsables académicos da Facultade de Humanidades da USC farán entrega dos Premios Extraordinarios os estudantes que remataron o curso pasado co mellor expediente académico os estudos de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e do máster universitario en Servizos Culturais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2019.