Humanidades constrúe respostas innovadoras a prol da lingua dende a xestión cultural

As humanidades e a xestión cultural que se desenvolven na Galicia actual teñen un papel que xogar contra o proceso de perda de falantes da lingua galega. Baixo esta premisa, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC impulsa un obradoiro de apoderamento lingüístico no que profundar en ferramentas que empregar dende a xestión cultural para activar novos falantes en galego. A inscrición neste foro que se desenvolverá o 29 de abril, ás 16.00 horas, pode formalizarse a través dun formulario en liña.
Dende a organización do evento sublíñase que todas as persoas que se dedican á xestión cultural “deben ser quen de construír respostas innovadoras que activen novos falantes e contribúan a reverter a tendencia ao devalo”. Para formar o estudantado do centro nas dinámicas que permiten deseñar e desenvolver ese tipo de actuacións, a Comisión de Normalización Lingüística organiza este obradoiro de catro horas de duración.
A través dunha metodoloxía que fomenta a participación e a creación colectiva, preténdense entender o contexto lingüístico actual e as implicacións que ten a medio e longo prazo, entender tamén a intervención nese contexto a favor da lingua minorizada como parte das competencias e das responsabilidades do desempeño en xestión cultural, e aprender a deseñar prototipos de intervención que incidan nese contexto para activar falantes e promover o emprego da lingua galega.