Ir o contido principal

Humanidades explora colaboracións coa EASD Ramón Falcón e ofrece pasarelas ao alumnado cara á Xestión Cultural

De esquerda a dereita, Gonzalo Fernández, Elena Cortés, Patricia Cupeiro e Ramón Cabarcos, na EASD Ramón Falcón
De esquerda a dereita, Gonzalo Fernández, Elena Cortés, Patricia Cupeiro e Ramón Cabarcos, na EASD Ramón Falcón
O desenvolvemento conxunto de proxectos de interese para os dous centros de ensino constitúe outros dos temas tratados na reunión celebrada entre o decano da facultade luguesa, Gonzalo Fernández, e o director da ‘Ramón Falcón’, Ramón Cabarcos
Lugo

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC explora novas colaboracións coa Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón para o desenvolvemento de futuros proxectos en conxunto, ao tempo que habilita pasarelas a través das que o alumnado titulado en determinados ciclos medios e superiores poida solicitar o recoñecemento académico de ata 42 créditos no grao en Xestión Cultural.

O decano do centro universitario lugués, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e o director da EASD Ramón Falcón, Ramón Cabarcos, abordaron esta semana as posibilidades de estreitar as ligazóns entre os dous centros de ensino no marco dunha xuntanza de traballo na que tamén participaron a secretaria da facultade luguesa, Miriam Elena Cortés López , e a profesora na escola de arte e superior de deseño, Patricia Cupeiro López

A existencia de áreas de traballo e campos temáticos afíns para os dous centros educativos serviu de base para comezar a explorar o desenvolvemento de futuros proxectos de forma conxunta, segundo indicou o profesor Gonzalo Fernández, que entende grao en Xestión Cultural constitúe un título universitario axeitado para que o alumnado egresado da escola de arte e superior de deseño Ramón Falcón poida dar continuidade á súa formación e ampliar así os seus coñecementos e as posibilidades de inserción no mercado laboral.

A afinidade existente entre os dous centros propiciou que o centro universitario lugués activara xa a tramitación do recoñecemento de créditos académicos para os titulados en ciclos medios e superiores que opten por formalizar a súa matrícula no grao en Xestión Cultural, unha pasarela que se axusta aos criterios establecidos pola propia Xunta de Galicia.

O decano Gonzalo Fernández lembrou neste senso que a Xunta de Facultade do centro que dirixe aprobou xa a finais do pasado curso unha proposta de recoñecemento de ensinanzas oficiais non universitarias para o grao en Xestión Cultural. O citado documento contempla o recoñecemento dun mínimo de 36 créditos ECTS para as titulacións de ensinanzas artísticas superiores relacionadas coa rama de Artes e Humanidades de estudos universitarios. Este acordo, ao que poderían acollerse persoas con titulación superior en Música ou Danza, Arte Dramático, Restauración e Conservación de Bens Culturais, Deseño e Artes Plásticas, contempla asemade a posibilidade de validar outros 6 créditos por prácticas externas.

O documento de convalidacións aprobado na Xunta de Facultade de Humanidades abre tamén aos técnicos superiores de Artes Plásticas e Deseño interesados en completar o grao en Xestión Cultural a posibilidade de solicitar o recoñecemento de 30 créditos ECTS. Neste caso, as persoas que completen os dous cursos nos que se estruturan os ciclos das familias profesionais en vidrios, téxtiles e esmaltes artísticos, xoiaría do arte, deseño, arte floral, cerámica artística, comunicación gráfica e audiovisual, artes aplicadas a muro, libro, indumentaria ou escultura, poderían solicitar o recoñecemento de 30 créditos (24 optativos e 6 de prácticas externas) do grao en Xestión Cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2023.