Humanidades traza nunhas xornadas as ligazóns entre cultura e saúde
. A cultura dos coidados transcende o exercicio das profesións vencelladas ao ámbito da saúde e asistencial e implica unha serie de valores culturais, crenzas e formas de vida sobre os que reflexionarán os relatores do programa ‘A cultura dos coidados aplicada á saúde máis aló da covid-19’, que se desenvolverá na facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC o xoves 22 e o venres 23 de setembro. A acción institucional, o envellecemento da poboación, a cooperación para o desenvolvemento, as contornas privadas de liberdade e a relixiosidade popular asociada á saúde serán os espazos sobre os que deitará a ollada o curso coordinado pola profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC Elena Freire Paz.
O antropólogo e profesor titular da facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de Castela A Mancha Juan Antonio Flores Martos ofrecerá o xoves 22, a partir das 18.00 horas, o relatorio inaugural cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Violencias e (des)coidados institucionais na execución de proxectos de investigación social en México e España’. Ao remate desta charla, o enfermeiro, antropólogo e profesor titular da Facultade de Enfermería da Universidade de Estremadura Lorenzo Mariano Juárez ofrecerá o relatorio ‘Cultura(s) y coidados: malnutrición e alimentación na cooperación ao desenvolvemento’.
As xornadas ‘A cultura dos coidados aplicada á saúde máis aló da covid-19’ continuarán o venres 23, a partir das 10.00 horas, da man da antropóloga e profesora da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de Castela-A Mancha Carmen Cipriano Crespo, quen abordará a ‘Prestación de coidados en contextos privados de liberdade; experiencias de saúde nos campamentos de refuxiados saharauis’. De seguido, David Conde Caballero, enfermeiro, antropólogo e profesor da Facultade de Enfermería da Universidade de Estremadura, impartirá a charla ‘Cultura e coidados. Antropoloxía para o reto do envellecemento poboacional’. A conferencia ‘O pozo dos desexos. Coidados desde a relixiosidade popular’, a cargo do investigador científico do Instituto de Lingua, Cultura e Antropoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas Pedro Tomé Martín, servirá de colofón deste foro.
As xornadas están abertas tanto para a comunidade universitaria como para o público en xeral. As persoas interesadas en inscribirse neste programa, que conta con patrocinio da Deputación Provincial de Lugo. Esta actividade de divulgación conta tamén co apoio da materia de Antropoloxía da Saúde da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, así como de ADACE-Asociación de Dano Cerebral Sobrevido/Adquirido de Lugo. As persoas interesadas en participar como asistentes poden formalizar a súa solicitude de balde a través do enderezo de correo electrónico elena.freire [at] usc.es (elena[dot]freire[at]usc[dot]es).