A IA no eido universitario e a reflexión sobre a implantación da LOSU protagonizan a axenda da CRUE en Compostela
Os retos que a Intelixencia Artificial (IA) formula na contorna universitaria protagonizan a xornada impulsada por CRUE Universidades Españolas que se desenvolve este mércores 13 no Centro de Estudos Avanzados da USC. A sesión abre a axenda que CRUE, asociación que agrupa 77 universidades públicas e privadas do Estado español, desenvolve ao longo desta semana en Compostela e que ten como acto central a súa Asemblea Xeral na que se abordará, este xoves 14, a implantación da Lei Orgánica do Sistema Universitario LOSU.
O director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro Ameneiro, aborda na sesión deste mércores 13 as posibilidades, riscos e oportunidades da IA. O foro bota a andar ás 16.00 horas nun acto que inaugura o reitor da USC, Antonio López; a presidente de CRUE e reitora da Universidade Jaume I, Eva Alcón Soler; e o presidente de CRUE Dixitalización e reitor da Universitat Politécnica de Catalunya, Daniel Crespo Artiaga.
Ademais de Senén Barro integran o programa da xornada Mairéad Pratschke, da Universidade de Manchester, para falar do impacto e as oportunidades da IA na docencia; o secretario executivo de CRUE Dixitalización, Pedro Miguel Ruiz Martínez, para abordar as experiencias da IA nas universidades; e Daniel Crespo Artiaga, quen pecha a xornada referíndose á iniciativa UniDigital IA do Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública.
Análise e recoñecementos
Os ex presidentes de CRUE Universidades Segundo Píriz, Roberto Fernández, José Carlos Gómez Villamandos e Juan Romo son obxecto este mércores 13 dun acto de recoñecemento no Hostal dos Reis Católicos a partir das 20.00 horas. A presidenta de CRUE failles entrega a cada un dun volume sobre os principais fitos dos seus respectivos períodos de goberno á fronte de CRUE.
Este xoves 14, a partir das 10.00 horas, será a quenda da Asemblea Xeral da CRUE, nunha xuntanza que estará dedicada á análise e debate sobre a implantación da LOSU e as necesidades de financiamento asociadas á súa aplicación.