O Ibader lembra nun foro a importancia da Red Natura 2000 para a protección do medio natural, a economía e o benestar

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC celebrará este martes o Día da Red Natura 2000, unha efeméride que se conmemora o 21 de maio, coa organización dunha xornada promovida ao abeiro dos programas Life Fluvial e Life Boccata e na que distintos relatores porán en valor a importancia que da Red Natura 2000 para a protección do patrimonio natural, así como para a mellora do grao de benestar e da economía.
A xornada de carácter monográfico sobre a Red Natural 2000 é de asistencia libre e de balde para todo o público interesado e desenvolverase en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas, na Aula Luciano Sánchez García do Ibader.
O director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Victoriano Urgorri Carrasco, abrirá a quenda de intervencións desta xornada cun relato sobre a biodiversidade mariña da Red Natura 2000 en Galicia. De seguido, Serafín González Prieto, da Sociedade Galega de Historia Natural, fará unha exposición de diversas experiencias de conservación in situ de especies na Rede Natura 2000.
A implantación de marcas de calidade en áreas da Rede Natura 2000 será o tema sobre o que disertará neste foro Miguel Fernández Pardo, da ADR Mariñas-Betanzos. O catedrático da área de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro Rodríguez pechará a quenda de intervencións programadas nesta xornada coa presentación do libro ‘As orquídeas na Serra do Courel’.