Ir o contido principal

O Ibader de Lugo acolle unhas xornadas técnicas sobre produción ecolóxica animal

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC no Campus de Lugo será o marco no que os días 23 e 24 de novembro se desenvolven as xornadas técnicas sobre produción ecolóxica animal organizadas por pola sociedade de asesoría agrícola Agronovo, o instituto de investigación e tecnoloxías agroalimentarias IRTA e o propio Ibader. O programa inclúe relatorios sobre produción ecolóxica de leite, produtos avícolas, porcino e cabrún, benestar animal, certificación e adaptación ás esixencias de calidade, redes locais de consumo ecolóxico, demandas do mercado ou biodiversidade. As intervencións corren a cargo de expertos procedentes do ámbito universitario, da administración pública e do sector empresarial, tanto de Galicia como do resto de España e de Portugal. Entre eles, a profesora da USC María Sol Arias Vázquez, quen falará sobre gandería ecolóxica e parasitismos; o secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra, cuxo relatorio estará centrado nas potencialidades da produción ecolóxica de porco celta; e o investigador do Laboratorio do Territorio da USC Andrés García Lamparte, quen intervirá cunha charla sobre agricultura ecolóxica e sistemas locais de alimentos. O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), o director-xerente da empresa Casa Grande de Xanceda ou representantes da asociación ecoloxista e de comercio xusto A Cova da Terra serán outros dos participantes nestas xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2012.