O Ibader pon o foco no eucalipto
A superficie ocupada polas masas de eucaliptos incrementouse nos albores do século XXI para converterse na formación forestal que maior superficie ocupa en Galicia, relegando aos bosques a un papel meramente testemuñal. A expansión e eucaliptización do territorio galego e as consecuencias deste cambio a nivel ambiental, económico e social foi obxecto de múltiples formulacións e discusións. Esta controversia non menor deu pé a que a que o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC colaborara en diversos eventos e foros de discusión sobre o eucalipto, uns promovidos pola Deputación Provincial de Lugo e, máis recentemente, un espazo de análise e debate artellado ao abeiro do proxecto Regueifas de Ciencia no que, entre outros, participaron como oradores, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Francisco Marey Pérez, Adolfo Cordeiro Rivera e Serafín González Prieto.
As intervencións destes investigadores ligados ao Ibader da USC espertaron o interese do comité editorial da revista Recursos Rurais, que achega ao lector no seu número 15, os relatorios orixinais dos poñentes antes citados, documentos precedidos dun limiar introdutorio no que o profesor da USC e director do Ibader, Pablo Ramil Rego, fai un achegamento a realidade do eucalipto en Galicia e dunha breve pincelada do proxecto ‘Regueifas de Ciencia’, a cargo da súa principal valedora, a catedrática da USC Laura Sánchez Piñón.
A introdución das primeiras sementes de eucalipto en Galicia a comezos do século XIX e o crecente interese que comeza a espertar esta planta como especie forestal ao longo da segunda metade deste século ocupan boa parte do relato co que o profesor Ramil Rego traza un relato historiográfico da progresiva ocupación da superficie de Galicia por parte dos eucaliptos, que hoxe en día constitúen a principal formación forestal.
Logo deste achegamento á materia, Díaz-Fierros Viqueira e Cordero-Rivera tratan algúns dos aspectos máis controvertidos do eucalipto en cadanseu artigo baixo os títulos ‘A árbore da discordia. Efectos do eucalipto sobre os recursos hídricos, solos e biodiversidade en Galicia’ e ‘O eucalipto é como o estado: chupa e leva todo para el’.
Unha visión menos crítica respecto da proliferación destas masas forestais no territorio de Galicia é a que ofrece o tamén catedrático da USC Manuel F. Marey Pérez no artigo ‘O eucalipto: problema ou oportunidade?’, no que, apoiado en datos de enquisas e outras consultas directas a gandeiros e produtores do medio rural, salienta que a rendibilidade que ofrece este cultivo forestal é un factor que propicia a súa boa acollida por parte destes sectores da poboación.
O último número da revista ‘Recursos Rurais’ do Ibader ten como colofón unha colaboración de Serafín J. González Prieto, que revisa a posición da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en relación coas plantacións de eucaliptos no artigo ‘Efectos dos eucaliptos sobre os ecosistemas ibéricos. Unha revisión’.