O Ibader presenta en Lugo as súas novas publicacións
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) presenta o xoves 8, a partir das 11.30 horas, un novo número da súa publicación Recursos Rurais.
Recursos Rurais é a revista oficial do Ibader, e naceu no ano 2005 co obxectivo de difundir a actividade investigadora do instituto e do sector do desenvolvemento rural galego, pero tamén para dar cabida a traballos chegados desde calquera outro organismo ou ámbito xeográfico. Neste sétimo número, un dos artigos (referido a un estudo sobre a flora dunha rexión de Uruguai) está realizado por un equipo de investigadores do país suramericano.
Ademais da presentación da revista, o acto servirá tamén para dar a coñecer dous estudos realizados por grupos de investigación vinculados ao Ibader. Un deles leva por título Os faiais de Galicia. Ecoloxía e valor ambiental, e é unha recompilación de traballos sobre este tipo de bosques. O segundo denomínase Gestión de residuos agrarios de uso agrícola, e parte dos contidos que se imparten no curso de posgrao Experto en Xestión de Residuos Xerados nas Explotacións Agrogandeiras e das Industrias Agrarias de Transformación, que organiza o propio Ibader.
No acto estarán presentes o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Ricardo García-Borregón Millán; a deputada delegada de Medio Ambiente na Deputación de Lugo Sonsoles López Izquierdo; o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; a directora do Ibader, Elvira López-Mosquera; e os coordinadores dos dous libros que se presentan.
O Ibader (creado en 1999 e no que participan a USC, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia) ten como principal obxectivo o apoio á investigación científica e técnica no ámbito do desenvolvemento rural e a biodiversidade agraria. O Instituto está constituído actualmente por oito grupos de traballo que levan a cabo estudos vinculados a sectores como a agricultura, medio natural, montes, gandería e desenvolvemento rural.