O Ibader da USC aborda nunha monografía a problemática e a perda de biodiversidade causada por especies exóticas invasoras

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do campus de Lugo da USC aborda nunha nova monografía da serie Biodiversidade a problemática e a situación de perda de biodiversidade causada pola crecente afección das especies exóticas invasoras sobre as especies e os hábitats naturais e seminaturais. Esta nova publicación, editada por Pablo Ramil Rego e C. Vales, é froito dunha colaboración co Ceida e recolle os relatorios presentados durante o transcurso do seminario formativo ‘Especies exóticas invasoras: situación e propostas de mitigación’.
A prevención e control das especies exóticas invasoras debe sustentarse, como recoñece a propia Unión Europea, sobre o coñecemento científico-técnico e para iso é necesario crear e dotar as estruturas necesarias que permitan monitorar as distintas especies exóticas presentes na nosa comunidade, e especialmente as recentemente establecidas, establecendo protocolos e medidas para o seu control, mitigación ou erradicación, executando estas e controlando a súa eficiencia, salientan os editores na introdución desta nova monografía científica.
A loita eficaz contra as especies exóticas invasora esixe ademais o cumprimento doutros dous aspectos, engaden. Por unha banda, a coordinación das distintas administracións públicas, que deben responder ao unísono fronte a esta grave problemática ambiental, superando as malas prácticas realizadas tanto en relación co uso de espécimes exóticos de potencial invasor, como na creación de medios ou condicións ambientais que son aproveitados eficazmente polas neófitas.
Esta nova publicación do Ibader, que demanda a implicación de todos os axentes e sectores sociais para dar unha resposta racional e eficaz a esta grave ameaza, recolle, ademais desta análise xeral sobre a incidencia das especies invasoras exóticas sobre a biodiversidade, outras achegas de diversos investigadores que afondan sobre a situación e as problemáticas concretas que deparan os invertebrados exóticos ou as macroalgas invasoras en Galicia. As plantas e os mamíferos exóticos, así como a antropización e expansión de especies invasoras no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tamén son obxecto de análise neste volume que vén de saír do prelo.