Ir o contido principal

IBEROS+ abordará os desafíos sociosanitarios do envellecemento na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Foto de familia da xuntanza de lanzamento. FOTO: UVigo
Foto de familia da xuntanza de lanzamento. FOTO: UVigo
A coordinadora por parte da USC do Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable é a profesora Mariana Landín Pérez do grupo I+D Farma
Santiago de Compostela

O Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS+) acaba de desenvolver a súa reunión de lanzamento, co primeiro encontro de traballo entre representantes das catorce entidades –cinco universidades, cinco centros de investigación e catro empresas– que o compoñen. Durante a xornada, que tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, asentáronse as bases dos futuros proxectos en común e organizouse o traballo que se levará a cabo ao longo dos próximos meses.

Este consorcio de coñecemento, no que participa a USC e que está coordinado pola UVigo, aglutina os esforzos de máis de 150 investigadores e investigadoras da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que traballarán en rede para consolidar competencias de I+D+i de excelencia no sector da biofabricación, orientada á enxeñería de órganos e tecidos e á medicina personalizada. O seu fin último é mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación, con especial atención ás enfermidades asociadas ao envellecemento. A coordinadora por parte da USC é a profesora Mariana Landín Pérez do grupo I+D Farma.

IBEROS+ supón a evolución de IBEROS (Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable), que puxo as bases desta colaboración científica entre 2017 e 2020. O novo proxecto conta cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros ata 2026, procedente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2021-2027 (POCTEP), co cofinanciamento de FEDER.

Saúde do futuro

A estratexia de IBEROS+ céntrase na I+D sobre biofabricación para dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e na Unión Europea en xeral. A isto sumaranse solucións avanzadas a outros importantes retos como a escaseza de doazóns de órganos e tecidos, o desenvolvemento de fármacos a baixo custo e en tempos reducidos, o compromiso ético de reducir os ensaios en animais e a necesidade de avanzar no modelo de medicina personalizada, utilizando tecidos e organoides biofabricados a partir de células do propio paciente.
 
Como primeira acción de transferencia, publicarase un libro branco sobre a biofabricación e a enxeñería de tecidos. Nel analizarase a situación actual deste sector e estableceranse previsións sobre a súa evolución. A finalidade desta publicación é achegar datos para orientar a toma de decisións futuras sobre cuestións lexislativas, administrativas ou económicas.

Unha das novidades máis destacadas deste novo proxecto sobre o seu antecesor é a incorporación de empresas ao consorcio. Desde Galicia, súmanse BFlow –que desenvolve dispositivos microfluídicos capaces de imitar o comportamento dun órgano no laboratorio–, Arbinova –que, baixo a marca Beta Implants, deseña e fabrica implantes para cirurxía veterinaria– e iBoneLab –especializada en ensaios preclínicos de biomateriais en tecidos vivos–. A empresa portuguesa que se une ao consorcio é Intelligent Lab on Fiber, que ofrece unha plataforma intelixente para o desenvolvemento de fármacos personalizados.

Ademais de USC e UVigo, están implicadas no proxecto as universidades Católica Portuguesa e Minho. Ademais, forman parte do consorcio a Fundación Biomédica Galicia Sur, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, o Servizo Galego de Saúde, o Instituto de Investigação e Inovação em Saúde dá Universidade do Porto, o Instituto Superior de Engenharia do Porto e o Laboratório Ibérico Internacional de Nanotecnologia.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2023.