Ir o contido principal

O ICE entregou os II Premios a artigos sobre educación

O certame ten como obxectivo dar pulo á análise das cuestións que afectan á mellora do noso sistema educativo

A Universidade de Santiago, a través do ICE, e a Consellaría de Educación entregaron este venres no Museo pedagóxico de Galicia (Mupega) a segunda edición dos Premios a Artigos sobre Educación dirixidos a autores de textos publicados por profesionais do ensino non universitario en Galicia e de periodicidade bianual. O acto contou coa presenza do vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño.
Na presente edición, e na modalidade de artigos sobre cuestións de interese xeral para a educación en Galicia publicados por unha revista científica e profesional, o primeiro premio, de 1.500 euros, recaeu en Carmen Pérez Fernández, profesora do IES Rodeira de Cangas de Morrazo, polo seu traballo ‘Didáctica de la escucha compresiva’ publicado en Textos de Didáctica de la Lengua y la Literatura en xullo de 2005. O segundo galardón de 1.000 euros entregouse a Jose Pedro Morais Gallego, do Centro de Formación e Recursos de Ourense, polo texto ‘As novas tecnoloxías da información e da comunicación. Implicacións legais’ publicado na Revista Galega do Ensino.
Pola súa banda, o terceiro premio desta modalidade, dotado con 750 euros, foi para Manuel Ojea Rúa, do equipo de orientación da Delegación Provincial de Ourense, polo artigo ‘Programa de intervención psicoeducativa (PIP) aplicado a estudantes con trastornos do espectro autista’, publicado en Quinesia.
O xurado, que declarou desertos os premios da categoría dirixida a artigos publicados en xornais ou semanarios, estivo presidido polo catedrático Ramón Estévez Cabanas e integrado por Ubaldo Rueda Soto, José Manuel Touriñán López, Antón Santamarina Fernández e José Cajide Val, director do ICE que nesta edición actuou como secretario.
Coa finalidade de dar pulo á deliberación e análise das cuestións que afectan á mellora do sistema educativo galego e co ánimo de reforzar a importancia do profesorado, a segunda edición contou con dez participantes que abordaron temas tan diversos como os xoguetes tradicionais galegos nas aulas, a educación intercultural, a educación física ou a comunicación entre pais e educadores a través do correo electrónico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2007.