Ir o contido principal

Ideas cara a un futuro sostible dende a Facultade de ADE

Participantes no 'Terra Creative Jam', na Facultade de ADE
Participantes no 'Terra Creative Jam', na Facultade de ADE
O evento ‘Terra Creative Jam’, promovido pola incubadora Lug Open Factory, cita ata este xoves no Campus de Lugo unhas 30 mozas e mozos de Galicia e do estranxeiro implicados coa achega de solucións aos novos desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos
Lugo

O desenvolvemento sostible, un dos retos estratéxicos cara aos que pretende avanzar o Campus Terra da USC, constitúe tamén unha inquedanza para boa parte da mocidade, como o proba o éxito de participación no ‘Terra Creative Jam’, un evento promovido pola incubadora Lug Open Factory que comezou este mércores na Facultade de Administración e Dirección do Campus de Lugo e no marco do que 30 mozas e mozos de Galicia e tamén chegados do estranxeiro participarán ata este xoves en diversas actividades e obradoiros orientados a achegar ideas e, no seu caso, solucións, para afrontar con éxito os novos desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos.

A profesora Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo; o decano da Facultade de ADE, Roberto Bande, participaron este mércores na apertura do ‘Terra Creative Jam’, no marco dunha sesión na que tamén participaron representantes da Lug Open Factory, ademais de Patricia González Alonso e Gloria Cruz Amil, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e da  Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo, respectivamente.
 
O programa deste evento de xeración de ideas xira arredor do futuro sostible, unha iniciativa artellada ao abeiro do proxecto AYCH Interreg Atlantic Area,  permitirá ao público presente interactuar, achegar posibles solucións e desenvolver novos produtos e servizos ligados coa economía verde, produción eficiente e sostible; educación inclusiva e de igualdade; emprendemento dixital e uso das TIC´S no rural;  industrias creativas e sector audiovisual; alimentación e vida saudable, e mesmo á busca do benestar animal e á mellora do medio ambiente.

A primeira xornada do ‘Terra Creative Jam’ alentará á mocidade presente a xerar ideas a  través de diversos xogos de creación e proxectos sostibles, workshops de formación específicos e prototipaxe con máquinas 3D, gamificación, realidade virtual e podcast. A sesión do xoves consistirá nun ‘hackaton’ ou experiencia colectiva cara a unha meta en común, na que, agrupados en equipos, as mozas e mozos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución sostible e expoñela ao xurado.

O equipo gañador contará cunha praza para desenvolver a súa idea no Programa Explorer e no programa de incubación Atlantic Youth Creative Hubs (AYCH), no marco do que todos os compoñentes do grupo gozarán da oportunidade de completar unha residencia ou desenvolver unha estadía en prácticas no estranxeiro. Ademais cada un dos membros do equipo gañador, recibirá unha cámara GoPro como agasallo.

López Mosquera, na apertura do evento de xeración de ideas
López Mosquera, na apertura do evento de xeración de ideas
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2020.