Ir o contido principal

O Idega reflexiona sobre ‘O espazo eurorrexional Galicia-Norte de Portugal. Crise e perspectivas’

A presentación do libro foi o punto de partida da xornada sobre ‘O espazo eurorrexional Galicia-Norte de Portugal. Crise e perspectivas’
A presentación do libro foi o punto de partida da xornada sobre ‘O espazo eurorrexional Galicia-Norte de Portugal. Crise e perspectivas’
Presentou un libro que dirixe o ex presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño e celebrou unha xornada homónima

‘O espazo eurorrexional Galicia-Norte de Portugal. Crise e perspectivas’ dá nome a unha xornadas que organiza o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que este mércores 15 comezou coa presentación do libro homónimo presentado polo ex presidente da Xunta de Galicia e profesor da USC, Emilio Pérez Touriño, en calidade de director da obra. Nun acto na Fundación Novacaixagalicia (r/ Nova, 33) na presentación tamén interviñeron o director do IDEGA, Melchor Fernández, e a profesora Mª Dolores Riveiro, en calidade de co-autores da publicación. Xunto eles tamén asinan este traballo Xoán Facal, Juan J. Ares, Mª José Caride e Belén Fernández. O volume recolle o resultado da primeira fase do proxecto de investigación ‘Laboratorio de Estudos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’ (LEER) e no que estaban implicados a USC, a través do IDEGA; INECO-TIFSA e a Fundación Caixa Galicia. O seu obxectivo é a descrición e análise da evolución do espazo eurorrexional ao longo da última década tendo en conta a súa relación coas economías que lle serven de soporte, a española e a portuguesa. Como sinala Emilio Pérez Touriño na introdución deste traballo, cunha poboación de 6,3 millóns de habitantes, unha superficie de 51.000 quilómetros cadrados e un PIB que supera os 85.000 millóns de euros, “o peso da eurorrexión permítelle compartir en pé de igualdade con outros territorios as oportunidades que brinda a globalización”. O traballo estrutúrase en cinco capítulos referentes a aquelas áreas consideradas polo equipo como as máis relevantes ou de maior interese. O bloque de artigos comeza deste xeito referíndose aos recursos humanos e mercado de traballo na eurorrexión, continuando cunha revisión deste espazo na súa relación con España e Portugal. O comercio externo e a IDE de Galicia e a Rexión Norte de Portugal dá paso a un bloque sobre infraestruturas de transporte na consolidación do espazo eurorrexional e a outro sobre os indicadores do grao de integración e cooperación transfronteiriza. O libro remata cunha proposta sobre os retos e oportunidades no marco dos riscos de reversión da eurorrexión. O programa da xornada continuou coa intervención de Carlos Lage, da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, para abordar dende a óptica portuguesa as particularidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Tomou o relevo Paulo Vaz, da Asociación Téxtil e Vestuario de Portugal, co relatorio ‘Euroclustex: construción dun clúster téxtil de moda na Eurorrexión do Noroeste Peninsular’ e Casimiro Iglesias, de INECO, para falar sobre o papel das infraestruturas de transporte no desenvolvemento rexional. Emilio Pérez Touriño estivo acompañado de Melchor Fernández e da profesora Mª Dolores Riveiro

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2012.