Ir o contido principal

Identifican un mecanismo clave que podería reducir a calcificación vascular en pacientes diabéticos

O equipo do CiMUS autor da investigación. Foto: CiMUS
O equipo do CiMUS autor da investigación. Foto: CiMUS
O estudo do CiMUS da USC, que suxire mellorar os niveis de pirofosfato, abriría a porta tamén á prevención e tratamento doutras patoloxías como a enfermidade renal crónica e certos síndromes de envellecemento prematuro

Un equipo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC acaba de publicar un estudo na revista Cardiovascular Diabetology que podería cambiar o enfoque no tratamento das complicacións cardiovasculares en persoas con diabetes. O traballo, liderado polo investigador principal do CiMUS Ricardo Villa-Bellosta, revela que os niveis elevados de glucosa en pacientes diabéticos afectan negativamente o metabolismo do pirofosfato extracelular, un potente inhibidor natural da calcificación vascular. Este achado suxire unha potencial vía para previr a calcificación en arterias e outros vasos sanguíneos en persoas con diabetes, un avance con implicacións significativas para a saúde cardiovascular.

Calcificación vascular
A calcificación vascular é unha condición na que se acumulan depósitos de calcio nas paredes dos vasos sanguíneos, dificultando o fluxo sanguíneo e aumentando o risco de enfermidades cardiovasculares graves. Esta complicación é especialmente prevalente en persoas con diabetes e asóciase cunha maior taxa de mortalidade por eventos como infartos e accidentes cerebrovasculares. "A nosa investigación mostrou que a hiperglicemia en diabetes pode reducir os niveis de pirofosfato extracelular, un inhibidor natural da calcificación vascular, creando un ambiente propenso á acumulación de calcio nas arterias," explica Villa-Bellosta.

O equipo do CiMUS da USC estudou estes efectos tanto en modelos celulares como en animais, descubrindo que o metabolismo do pirofosfato extracelular se ve gravemente afectado en condicións de alta glucosa. Nos modelos de estudo, os altos niveis de glucosa conduciron a unha diminución na produción de pirofosfato, mentres que favorecían un aumento no fosfato, un factor que promove a calcificación. Este desequilibrio afecta os mecanismos naturais do corpo para previr a calcificación e vese agravado en pacientes con diabetes. "Identificamos que enzimas clave no metabolismo do pirofosfato están alteradas baixo condicións de hiperglicemia, o que afecta significativamente a capacidade do organismo para protexerse contra a calcificación vascular," engade o investigador.

Pirofosfato, importante diana terapéutica
O estudo tamén destaca o potencial do pirofosfato como unha diana terapéutica. Segundo os autores, intervir para restaurar ou mellorar os seus niveis podería representar un enfoque novidoso e eficaz na prevención das complicacións cardiovasculares en pacientes diabéticos. “Os nosos achados abren unha liña prometedora para explorar tratamentos que busquen restaurar o equilibrio de pirofosfato no sistema vascular de pacientes diabéticos,” explica o investigador. "A administración de pirofosfato ou o uso de inhibidores da súa hidrólise poderían reducir eficazmente o risco de calcificación nestes pacientes."

Implicación clínicas e futuras investigacións
A publicación en Cardiovascular Diabetology reforza a importancia clínica deste traballo e o seu impacto na comunidade científica, xa que sinala unha vía terapéutica innovadora que podería beneficiar millóns de persoas afectadas por complicacións cardiovasculares derivadas da diabetes. Ao restaurar os niveis de pirofosfato poderíase reducir a propensión á calcificación vascular, mellorando potencialmente a calidade de vida e reducindo a mortalidade nesta poboación. O equipo suxire que o seguinte paso é desenvolver ensaios clínicos para avaliar se os tratamentos que modulen o metabolismo do pirofosfato poden ser viables e seguros en persoas con diabetes.

Ademais da diabetes, o pirofosfato tamén mostrou efectos protectores noutras patoloxías relacionadas coa calcificación vascular, como a enfermidade renal crónica e certos síndromes de envellecemento prematuro (proxeria). Estes achados reforzan a importancia deste inhibidor natural na saúde vascular e o seu potencial como diana de tratamentos preventivos. “O noso estudo representa un fito na comprensión de como as alteracións no metabolismo do pirofosfato afectan a saúde vascular, e agardamos que impulse novas liñas de investigación e desenvolvemento de terapias innovadoras para enfermidades cardiovasculares relacionadas coa diabetes e outras patoloxías”, sinala Villa-Bellosta.

Este innovador estudo contou co financiamento do Ministerio de Educación e Ciencia, a Xunta de Galicia e a Sociedade Española de Nefroloxía, ademais de contar co apoio do programa Ramón y Cajal para a investigación sénior. 

Mesa de debate por el Día Mundial da Diabetes 
Este avance foi un dos temas abordados na mesa de debate organizada polo CiMUS na xornada deste 14 de novembro coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Diabetes. Nela participaron especialistas deste Centro Singular e do IDIS para poñer en común os principais desafíos e avances no manexo desta enfermidade. Carlos Diéguez, Iria Gómez-Touriño, Miguel Ángel Martínez-Olmos, Ricardo Villa Bellosta e Rubén Nogueiras reflexionaron sobre a estreita relación da diabetes coa obesidad, as enfermidades cardiovasculares, a inmunoloxía, a endocrinoloxía e a nutrición. 

A inauguración da xornada contou coa participación da subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; o director do Departamento de Bioquímica da USC, Jaime Gómez; o director do Departamento de Fisioloxía da USC, Juan Zalvide; e o director adxunto do CiMUS, José Luis Labandeira. 

O CiMUS acolleu unha mesa de debate con motivo do Día Mundial da Diabetes
O CiMUS acolleu unha mesa de debate con motivo do Día Mundial da Diabetes
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2024.