Ir o contido principal

Identifican novos biomarcadores de cardiotoxicidade en pacientes con cancro de mama

A doutora María Cebro, segunda pola esquerda, xunto cos seus directores de tese
A doutora María Cebro, segunda pola esquerda, xunto cos seus directores de tese
A tese defendida por María Cebro Márquez permite unha mellor caracterización do paciente oncolóxico sometido a terapias potencialmente cardio-tóxicas a fin de previr e minimizar efectos adversos e abre a porta a identificación de novas dianas terapéuticas
Santiago de Compostela

Un grupo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) identificou novos biomarcadores de cardiotoxicidade en pacientes con cancro de mama. O traballo, tema central da tese defendida por María Cebro Márquez, ofrece unha mellor caracterización do paciente oncolóxico ás terapias potencialmente tóxicas e permite previr e minimizar os efectos adversos, optimizar o seu manexo, garantir unha maior calidade de vida, así como describir novas dianas terapéuticas. O de mama é o cancro máis prevalente en mulleres en todo o mundo. Os avances no diagnóstico e tratamento precoz nas últimas décadas levaron a un aumento gradual das taxas de supervivencia e da esperanza de vida. Isto resaltou os efectos nocivos a longo prazo asociados ao tratamento do cancro.

Cardiotoxicidade

A cardiotoxicidade considérase na actualidade unha das complicacións máis comúns asociadas ao tratamento quimioterápico. Deste xeito, as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte entre os sobreviventes ao cancro. A predisposición á cardiotoxicidade é multifactorial e pode condicionar o acceso a un tratamento adecuado, a costa dun peor prognóstico no proceso oncolóxico. Ata fai pouco a cardiotoxicidade asociábase o uso de antraciclinas, debido á súa ampla prescrición e ao maior número de estudos; porén cada vez mais datos apuntan que o uso de citostáticos de nova xeración afectan tamén a función cardíaca. Na actualidade o diagnóstico depende de cambios na fracción de exección do ventrículo esquerdo ou na detección de marcadores séricos como troponinas e péptidos natriuréticos. Isto limita o diagnóstico a un dano sintomático, nalgúns casos irreversible.

Neste contexto resulta esencial dispor de ferramentas que permitan unha adecuada estratificación do risco e o diagnóstico temperá, a fin de previr e minimizar os potenciais efectos adversos sobre o sistema cardiovascular e a interrupción do tratamento contra o cancro. Precisamente, o obxectivo do presente traballo, supervisado por Ricargo Lage, Isabel Moscoso e José Ramón González Juanatey,  foi avaliar se as diferenzas individuais no perfil de expresión de miRNAs e nos niveis de adipokinas circulantes, xunto cos parámetros ecocardiográficos, que permiten unha mellor caracterización do paciente oncolóxico sometido a terapias potencialmente cardiotóxicas.

Os datos deste estudo, eixo da tese de doutoramento de María Cebro Márquez, contribúen a un mellor coñecemento do paciente oncolóxico con fin de optimizar o seu manexo e garantir unha mellor calidade de vida. “Os nosos resultados mostran diferenzas específicas, tanto na expresión de miRNAs coma nos niveis de adipokinas circulantes, que en conxunto cos parámetros ecocardiográficos poderían explicar a diferente susceptibilidade a desenvolver cardiotoxicidade e sinalan as vías que poderían estar implicadas na mesma, abrindo a porta a identificación de novas dianas terapéuticas”, segundo explica María Cebro. A autora da tese insiste en facer un agradecemento “de corazón” a todas as pacientes que colaboraron con nós, a pesar dos difíciles momentos que estaban a pasar”.

Colaboración e financiamento

O traballo, que conta con financiamento da Fundación Mutua Madrileña, da FIDIS, do CIBERCV e da Axencia Galega de Innovación, a través do programa Principia e o programa Consolidación e Estruturación de unidades de investigación competitivas, “non tería sido posible sen a colaboración altruísta dos profesionais dos Servizos de Oncoloxía, Cardioloxía e Análise Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e sen a infraestrutura investigadora que proporcionan o CiMUS e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela”, sostén Cebro Márquez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2021.