Ir o contido principal

I+D+i, transferencia de coñecemento e orientación internacional, fortalezas da USC segundo a Fundación CyD

Instalacións do CiMUS. Foto: Santi Alvite
O ránking CyD mantén a USC entre as universidades públicas españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento. Foto: Santi Alvite
A USC mantén a súa posición de liderado na universidade española en concesión de patentes, ingresos por licencias, publicacións de impacto, creación de spin-offs e rendemento académico das titulacións de grao
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantense entre as universidades públicas españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións interdisciplinares e internacionais, así como en captación e liquidación de fondos, segundo se deprende da oitava edición do ránking sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades. De feito, na elaboración deste estudo está incluídos datos de 77 universidades públicas e privadas ao tempo que se analizan resultados de 27 ámbitos de coñecemento e 2.998 titulacións.

O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español, sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións con impacto internacional e tamén no grupo de cabeza das institucións con máis investigacións citadas en patentes e tamén entre as que captan máis ingresos por licencias. Estes tres parámetros empregados pola Fundación CyD para a elaboración do seu ránking sobre a universidade española proban o compromiso e o bo facer da USC en canto a transferencia do coñecemento á sociedade se refire.

O eido da investigación e outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente no último informe que vén de publicar a Fundación CyD. De feito, a USC figura entre o grupo das universidades españolas que presenta mellores rendementos no que se refire a captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno, así como no capítulo referido a número de patentes e á media de publicacións por profesor. A creación de spin-off constitúe outro dos parámetros do Ránking CyD 2021 nos que destaca a institución académica compostelá.

Proxección internacional

A proxección e a orientación internacional da USC son outras das características que salienta a Fundación CyD no se último informe sobre a universidade española, un traballo no que inclúe á de Santiago de Compostela entre as universidades que rexistran un maior número de publicacións de carácter e impacto internacional. O carácter interdisciplinar de boa parte das investigacións e estudos que se desenvolven nos diferentes campus universitarios da USC e mesmo a taxa de estudantes e investigadores estranxeiros que completan o seu doutoramento na institución académica compostelá constitúen outras das fortalezas que a Fundación CyD atribúe á USC, que tamén destaca pola media de sexenios de investigación obtidos polo corpo docente da universidade.

No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado que completa programas das titulacións de grao. Nunha análise por ámbitos de coñecemento, a última publicación da Fundación CyD destaca a posición de liderado que ocupa a USC en Farmacia, Psicoloxía, Medicina ou Odontoloxía. Esta radiografía da universidade española, na que por vez primeira se considera Veterinaria e Agricultura como ámbitos de coñecemento, non inclúe, sen embargo, datos nin resultados da USC relacionados con dúas áreas do saber na que é referente internacional.
 
O estudo que cada ano publica a Fundación CYD constitúe unha ferramenta útil para  comparar a situación das universidades en función de determinadas dimensións ou parámetros: ensinanza e aprendizaxe, investigación, transferencia de coñecemento, orientación internacional e contribución ao desenvolvemento rexional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2021.