O IDIS captou o pasado ano 7,7 millóns de euros en proxectos competitivos
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) sitúase coma un dos máis destacados centros españois de investigación no seu ámbito. Así se puxo de manifesto este venres na presentación da memoria anual de actividades correspondente a 2012 celebrada na Aula Magna do pavillón docente Novoa Santos. Creado hai cinco anos a partir da colaboración existente no ámbito da investigación biomédica entre investigadores da Universidade de Santiago e do ámbito hospitalario, vinculados ao IDIS atópanse máis de 650 profesionais dedicados á investigación, cun total de 63 grupos constituídos. Ademais, en 2012, este instituto captou 7,7 millóns de euros en proxectos competitivos fronte aos cinco de 2010. Como se puxo de manifesto na presentación dos datos da memoria, nestes primeiros cinco anos de actividade o instituto de investigación sanitaria conseguiu aglutinar un proxecto de investigación centrado na ciencia de calidade e na formación de novas xeracións de investigadores, como pon en evidencia as 49 teses defendidas neste último ano. Como se puxo de manifesto na presentación, ss datos de produtividade do IDIS nestes anos están asociados á estreita colaboración entre a Universidade de Santiago, a Consellaría de Sanidade e o Sergas e reforzada coa proxección cara outras entidades, tanto do ámbito nacional como internacional. Segundo a memoria de 2012, máis do 36% das publicacións neste ano fixéronse en colaboración con outros grupos de investigación internacionais. Na presentación, participaron ademais da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e do reitor Juan Casares, o director científico do IDIS, José Castillo; a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez; e o xerente de Xestión Integrada, Luís Verde.