O IDIS e o Instituto de Saúde Carlos III profundan na súa alianza estratéxica

O director do Instituto de Saúde Carlos III, Cristóbal Belda, e as subdirectoras da entidade, Pilar Gayoso e Rosario Perona, visitaron este xoves as instalacións e laboratorios do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), onde se reuniron con representantes da USC e da área sanitaria de Santiago, así como do propio Instituto no que participa a institución universitaria. Deste xeito, desenvolveuse unha reunión da Alianza de Institutos así como un encontro con investigadores do centro no que coñeceron de primeira man os últimos avances alcanzados por diferentes grupos de investigación.
A visita tivo lugar tras a publicación da nova Acción Estratéxica en Saúde do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, que este ano dispón de máis de 144 millóns de euros para financiar a investigación biomédica e sanitaria en España. Actualmente, as convocatorias de axudas e as liñas de apoio do Instituto de Saúde Carlos III financian o 25 % dos proxectos de investigación que desenvolven os grupos do IDIS.
Os representantes do Instituto de Saúde Carlos III foron recibidos polos investigadores do IDIS e outras personalidades do ámbito sanitario e docente, entre os que se atopaban Antonio López, reitor da USC; Vicente Pérez, vicerreitor de Investigación e Innovación da USC; Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde; Eloína Núñez, xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; Mª Luz Couce, directora científica do IDIS; Isabel Lista, directora da Fundación IDIS; Antonio Fernández-Campa, director da Axencia de Coñecemento en Saúde; e Julián Álvarez, decano da facultade de Medicina da USC.
O reitor da USC apuntou que “a converxencia no IDIS de tres institucións e entidades como son a Universidade de Santiago, o Servizo Galego de Saúde e o Instituto de Saúde Carlos III é un exemplo óptimo de sinerxía a favor da mellora da calidade de vida das persoas. Somos tres organismos con misións e personalidades capaces de atopar un punto de encontro que axude a salientar coa maior eficacia as nosas fortalezas individuais e, sobre todo, a poñelas ao servizo da sociedade”.
Durante a visita ao IDIS, o director do Instituto de Saúde Carlos III, Cristóbal Belda, destacou o labor investigador dos profesionais deste centro. “Dámosvos as grazas pola creación de infraestruturas que marcarán a folla de ruta do futuro da investigación e pola vosa achega científica”, sinalou.
Retos e obxectivos
A directora científica do IDIS, María Luz Couce, referiuse ante os directivos do Instituto de Saúde Carlos III ao presente e o futuro da institución co foco posto nos obxectivos e retos que se marcou dende que está á fronte da entidade. “O IDIS atópase nun período de crecemento no que se pretende fomentar a investigación traslacional promovendo a colaboración entre investigadores clínicos e básicos”, explicou.
Neste senso, o IDIS aspira a mellorar a calidade dos seus servizos e plataformas con acreditación das mesmas e a potenciar a transferencia de resultados mediante o desenvolvemento de spin- offs. A curto prazo, o instituto pretende establecer novas alianzas estratéxicas, impulsar a súa imaxe de marca e mellorar e ampliar as súas infraestruturas co obxectivo de crear un espazo integrado na contorna e atractivo para realizar ciencia excelente.
