Ir o contido principal

IES Cacheiras de Teo, IES Milladoiro e IES Pontepedriña, vencedores na Incubadora de Sondaxes e Experimentos

O concurso nesta edición conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas e o Instituto de Matemáticas da USC. FOTO: Santi Alvite
O concurso nesta edición conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas e o Instituto de Matemáticas da USC. FOTO: Santi Alvite
A entrega de galardóns desenvolveuse este venres na Facultade de Matemáticas da USC
Santiago de Compostela

O traballo ‘(A)POLITICAMENTE COHERENTES’ elaborado por alumnado do IES Cacheiras de Teo proclamouse este venres vencedor na onceava edición do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ que convoca a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio. O traballo presentado polo IES Johan Carballeira de Bueu resultou finalista. Pola súa parte, o IES Milladoiro resultou vencedor na categoría de 1º e 2º de ESO co traballo ‘VAIA CARA’, mentres que o IES República Oriental de Uruguai de Vigo proclamouse finalista. ‘OPTIMIZANDO RUTAS POKÉMON’ do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela impúxose na categoría de 3º e 4º de ESO, sendo finalista o IES Agra do Orzán en A Coruña e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Asemade, recibiu  unha mención especial o Colexio Santiago Apóstolo (Xesuítas) de Vigo.

Tal e como está establecido nas bases do concurso, cada proxecto foi revisado de forma independente por tres avaliadores externos, que emitiron un informe de valoración. A organización do concurso, en base a estes informes, realizou unha preselección dos proxectos presentados dentro de cada categoría que foron remitidos ao xurado para o seu ditame. Este ano contouse cun total de 49 avaliadores externos.

O xurado desta onceava edición do concurso estivo presidido por Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, do IES de Mugardos, vogal da executiva da SGAPEIO; sendo secretaria Mercedes Conde Amboage da USC e representante do Instituto de Matemáticas. Como vogais actuaron, Indalecio Cabana Leira da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jesús Manuel Díaz López do IES de Ordes, María Dolores Martínez Fernández do Instituto Galego de Estatística, e Javier Tarrío Saavedra, da UDC e Vicepresidente de Estatística da SGAPEIO.

O concurso nesta edición conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas e o Instituto de Matemáticas da USC, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade o Instituto Galego de Estatística e Gadis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2021.