Ir o contido principal

Os Ies Rosalía de Castro, de Santiago, e Xoán Montes, de Lugo, gañan as fases da Olimpíada de Xeoloxía celebradas na USC

Participantes na fase provincial da VIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada na Facultade de Bioloxía
Participantes na fase provincial da VIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada na Facultade de Bioloxía
Pedro Vieites, Auria Aldea e Laura Cernadas integrarán, xunto cos representantes de Vigo e Ourense, a delegación galega que participará o 1 de abril na fase española

O estudante de primeiro de BAC no Ies Rosalía de Castro de Santiago Compostela Pedro Vieites Pérez e o alumno de segundo curso de BAC no IES Xoán Montes de Lugo Alberto Montecelo de la Torre proclamáronse campións das fases provincias da Coruña e Lugo, respectivamente, da VIII Olimpíada Galega de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, cuxas probas se desenvolveron de xeito simultáneo o mércores 15 de febreiro na Facultade de Bioloxía de Santiago e na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

Un total de 273 estudantes (deles 40 en Santiago e 66 en Lugo) de secundaria e Bacharelato de 22 centros de toda Galicia participaron nas probas das distintas fases provinciais da VII Olimpíada Galega de Xeoloxía, unha convocatoria que tamén tivo como escenarios das fases provinciais de Ourense e Pontevedra a Facultade de Ciencias da capital ourensá e a Escola de Minas de Vigo.

O IES Rosalía de Castro de Santiago liderou a fase coruñesa da VII Olimpíada de Xeoloxía e acadou os tres primeiros postos dun certame do que se proclamou campión Pedro Vieites Pérez, seguido dos seus compañeiros de centro Juan Pazos Fajardo e Antía Vilas Olveira. O estudante de último curso de ESO no IES de Brión Alberte X. López Freire acadou un accésit na fase herculina.

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acubillou a fase luguesa da VIII Olimpíada Galega de Xeoloxía, un certame no que se deron cita 66 estudantes de secundaria nos IES María Sarmiento de Viveiro, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, IES Gregorio Fernández de Sarria e IES Xoán Montes de Lugo. Todos os participantes inscritos están a cursar ou xa completaran a materia de Xeoloxía nos seus respectivos centros educativos de procedencia.

Alberto Montecelo de la Torre, do IES Xoán Montes, proclamouse campión provincial. A estudante de primeiro de BAC no IES Gregorio Fernández, de Sarria, Auria Aldea Arias finalizou na segunda praza, mentres que Laura Cernadas González, tamén do IES Xoán Montes, rematou na terceira posición, seguida da súa compañeira de centro Valentyna Mulyk, alumna de 4ª da Eso, que acadou un accésit.

Unha vez completado o desenvolvemento das fases provinciais desta olimpíada de xeoloxía, os organizadores acordaron que Pedro Vieites, Auria Aldea e Laura Cernadas, acompañados dos representantes de Pontevedra e Ourense, formarán parte da representación galega que participe na fase española, cuxas probas se desenvolverán o 1 de abril en Bejár (Salamanca). De aí sairá a selección que competirá na fase internacional, que será en agosto en Niza (Francia).

Participantes na fase provincial da VIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada na Escola Politécnica

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2017.