Ir o contido principal

O IGFAE lanza a sexta edición do seu Concurso de Comunicación Científica

A imaxe 'Una rayuela particular', de Laura Mercadé Morales, resultou vencedora na categoría de fotografía científica da pasada edición. Fonte: IGFAE
A imaxe 'Una rayuela particular', de Laura Mercadé Morales, resultou vencedora na categoría de fotografía científica da pasada edición. Fonte: IGFAE
Ata o 31 de outubro é posible presentar candidaturas a este certame que busca aguilloar a aprendizaxe da Física e dos seus fundamentos
Lugo, Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) convoca a VI edición do Concurso de Comunicación Científica (IGFAE C3), que ten como obxectivo fomentar o interese pola cultura científica e estimular a aprendizaxe da Física e os seus fundamentos. O certame contempla catro categorías (fotografía científica, artigos científicos, vídeos científicos e proxectos orixinais) coas que desenvolver diferentes habilidades comunicativas, mediante o uso de ferramentas virtuais e Internet.

O concurso está aberto ao público xeral e especialmente dirixido ao persoaI investigador dos organismos públicos de investigación, ao estudantado de doutoramento, mestrado e grao, ao alumnado de ESO e Bacharelato, como tamén ao profesorado que traballa no ámbito da docencia da Física e a profesionais da divulgación científica. Na avaliación dos traballos presentados terase en conta o rigor e a calidade dos conceptos propostos, a orixinalidade e interese do tema, a adecuación aos obxectivos do certame e, sobre todo,  a capacidade de comunicar o contido a público non experto.

Haberá un premio por categoría, dotado cada un deles cunha contía de 400 euros, e os traballos poderán ser presentados ata o 31 de outubro de forma individual ou en grupo. Neste último caso, deberá constar na solicitude o nome de todas as persoas que forman parte do grupo, e especificarase ademais a persoa de contacto que actuará como representante. É posible participar en varias modalidades, pero só se poderá gañar un premio por categoría.

A resolución do concurso comunicarase na web do IGFAE durante a VI Semana da Ciencia que terá lugar no mes de novembro. Esta iniciativa forma parte da VI Semana da Ciencia do IGFAE e cofinánciase con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fotografía científica

As persoas interesadas en concorrer nesta modalidade, deberán presentar unha fotografía científica de temática relacionada coa Física, especialmente a que é obxecto de estudo nas áreas de investigación do IGFAE. A imaxe deberá será orixinal, inédita e non presentada a concursos. A inscrición remitirase ao enderezo electrónico fotos-C3-2023 [at] igfae.usc.es  

Artigos científicos

Na categoría de artigo aceptaranse relatos, entrevistas, reportaxes, contos, novas ou outros xéneros sobre un tema relacionado coa Física, tamén neste caso con especial atención ás liñas traballo do Instituto. Poderán presentarse orixinais redactados en galego, español ou inglés, cunha extensión máxima de 1.200 palabras. O enderezo para enviar as solicitudes é artigos-C3-2023 [at] igfae.usc.es 

Vídeos científicos

Na modalidade de vídeos poderán participar aquelas propostas dunha duración de entre 3 e 5 minutos, realizadas en galego, español ou inglés que exploren temas vecellados coa Física, especialmente nas áreas de traballo do Instituto. Admítense todo tipo de recursos audiovisuais (música, efectos especiais, animacións ou outros vídeos de apoio), sempre que respecten os correspondente dereitos de autoría e uso oportunos. As propostas deberán ser enviadas ao enderezo videos-C3-2023 [at] igfae.usc.es

Proxectos orixinais

Esta nova modalidade inclúe traballos, obras ou proxectos, inéditos e orixinais, nun formato libre que non se axuste a ningunha das categorias anteriores e que verse sobre un tema relacionado coa Física, especialmente aquela que é obxecto de estudo das áreas de investigación do IGFAE. Deben presentarse en galego, español ou inglés e de tal forma que o xurado poida visualizalas correctamente, a través de arquivos en formatos de texto, imaxe ou vídeo comúns que non requiran softwares específicos. O xurado pode descartar un traballo se presenta erros ou dificultades para ser aberto. O enderezo para enviar as solicitudes nesta categoría é proxectos-C3-2023 [at] igfae.usc.es  

Cartel do concurso
Cartel do concurso
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.08.2023.