Ir o contido principal

O IGFAE pecha a súa Semana da Ciencia cunha conferencia de Krishna Rajagopal sobre partículas elementais

Krishna Rajagopal, catedrático de Física Teórica do MIT
Krishna Rajagopal, catedrático de Física Teórica do MIT
A investigación de Rajagopal céntrase no estudo do comportamento dos quarks e dos gluóns -o ‘pegamento’ que mantén unidos os quarks- en condicións extraordinarias.

A sexta Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) terá o seu colofón coa conferencia pública de Krishna Rajagopal, catedrático de Física Teórica do Massachusetts Institute of Technology (MIT). O investigador impartirá este mércores 15 ás 20.00 horas no compostelán Auditorio Abanca (Rúa do Preguntoiro, 23),  a conferencia '50 anos da liberdade dos quarks: da sopa do Big Bang aos protóns e viceversa'.

Na súa intervención falará sobre a liberdade asintótica, a propiedade descuberta por Frank Wilczek, David Gross e David Politzer no ano 1973, que supuxo un dos fitos da física de partículas da segunda metade do século XX. Este avance foi unha contribución esencial para a aceptación da Cromodinámica Cuántica como a teoría que describe a forza nuclear. Ao tempo, isto reforzou o Modelo Estándar como a proposta que mellor explica, ata o momento, o universo microscópico ao nivel máis fundamental da materia.

Das partículas elementais á inmensidade do universo

A investigación de Rajagopal céntrase no estudo do comportamento das partículas elementais, como os quarks e os gluóns (o ‘pegamento’ que mantén unidos os quarks) en condicións extraordinarias.

Nestas situacións extremas, como as que se produciron nos primeiros microsegundos despois do Big Bang, ou actualmente nas densidades extremas no interior das estrelas de neutróns, os quarks e os gluóns forman novos materiais, como o líquido perfecto coa viscosidade máis baixa coñecida, ou materiais superconductores de cor. Para afondar nisto, o traballo de Rajagopal require combinar vertentes da física como a cosmoloxía, a astrofísica, a teoría de cordas, a física de partículas ou a nuclear.

Innovación

Krishna Rajagopal naceu en Múnic (Alemaña), aínda que a súa familia se mudou a Toronto (Canadá) cando era moi novo. Graduouse en Física na Queen’s University de Ontario, e doutorouse en Princeton en 1993 baixo a dirección de Frank Wilczek. Despois de varias estadías en institucións como Harvard e Caltech, incorporouse á Facultade de Física do Massachusetts Institute of Technology no ano 1997, da que foi decano entre 2015 e 2017. Desde o ano 2004 é membro da American Physical Society.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2023.