Ir o contido principal

O IGFAE reafirma o seu prestixio internacional coa acreditación de excelencia María de Maeztu, que recolle este xoves en Madrid

A finais de 2024 está prevista a finalización das obras da nova sede. Foto: IGFAE
A finais de 2024 está prevista a finalización das obras da nova sede. Foto: IGFAE
Os 2,6 millóns de euros de financiamento que supón a distinción permitirán desenvolver o plan estratéxico do centro para os vindeiros anos

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, foi o primeiro instituto de investigación galego en obter o selo de excelencia María de Maeztu que outorga a Axencia Estatal de Investigación, froito dun rigoroso proceso de avaliación por parte dun comité internacional.

Tras acadar a distinción por primeira vez no ano 2017, volveu obtela na convocatoria de 2023. “A primeira acreditación de excelencia supuxo unha profunda transformación para o IGFAE: practicamente duplicamos o noso cadro de persoal, abrimos novas liñas de investigación e sentamos as bases dunha estrutura que agora queremos consolidar”, resume o seu director Carlos Salgado.

Esta acreditación, que supón un financiamento de 2,6 millóns de euros, permitirá desenvolver o plan estratéxico do centro para os vindeiros anos, con acento na participación en grandes experimentos internacionais, a formación de persoal investigador, a captación de talento e a redución da fenda de xénero.

O selo María de Maztu que o IGFAE revalida será entregado este xoves 5 en Madrid nun acto que presidirá a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, e ao que asistirán o propio Carlos Salgado, o director adxunto do centro, Abraham Gallas, e o xerente da USC, Javier Ferreira. O acto de entrega das acreditacións María de Maeztu e Severo Ochoa será retransmitido en directo, a partir das 18.30 horas, a través da canle de YouTube do Ministerio.

Un equipo á fronte de relevantes colaboracións internacionais
O persoal do IGFAE investiga, desde unha perspectiva tanto teórica como experimental, en áreas como a física de partículas e astropartículas ou a física nuclear. Desde hai anos está presente e ocupa cargos de alta responsabilidade nalgunhas das máis importantes colaboracións científicas internacionais, como a Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN), o observatorio de raios cósmicos Pierre Auger, a rede LIGO de ondas gravitacionais, as instalacións de física nuclear GSI-FAIR ou GANIL ou os experimentos de neutrinos NEXT e DUNE.

2024, ano clave para o IGFAE
A entrega do recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu chega nun ano clave para o futuro do Instituto. En maio, o IGFAE renovou a súa presenza na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, o que suporá un financiamento de arredor de máis de tres millóns ata o ano 2027.

Nos últimos meses deste 2024 está prevista a finalización das obras da nova sede, financiada pola Xunta de Galicia, cun investimento de preto de cinco millóns de euros. Unha vez rematadas, o centro ampliará un 70% a súa superficie previa. Coa nova sede a pleno rendemento, o Instituto contará con novos e máis grandes laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas abertas ao público, destinadas ás actividades de divulgación.

Neste marco, o IGFAE está a conmemorar o seu 25º aniversario cunha amplo programa de actividades abertas ao público. Con elas preténdese achegar á sociedade o labor científico que desenvolve o centro, fomentando a reflexión sobre o impacto social e cultural das súas investigacións a través de exposicións, concertos, eventos de divulgación e diversas iniciativas dirixidas á comunidade educativa. “Queremos ser un centro moito máis internacional, moito máis aberto, e que a sociedade nos poida ver desde diferentes puntos de vista”, resume o director do centro.

Sobre a alianza SOMMa
A alianza de centros Severo Ochoa e unidades María de Maeztu (SOMMa) está composta por algo máis de 60 centros, nos que se desenvolve ciencia de vangarda en todas as ramas do coñecemento. A concesión deste selo de excelencia acádase despois dunha avaliación independente por parte dun comité internacional de gran prestixio científico.

Este recoñecemento da Axencia Estatal de Investigación ten unha vixencia de seis anos, e resulta fundamental para a consolidación destes centros. A pertenza a SOMMa ofrece as condicións axeitadas para atraer e formar talento científico e promover unha investigación punteira, baixo os principios da excelencia, a integridade, a avaliación externa, competitividade e colaboración internacional.
 

Foto de grupo do equipo do IGFAE. Foto: IGFAE
Foto de grupo do equipo do IGFAE. Foto: IGFAE
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2024.