Ir o contido principal

A Igrexa da Universidade expón as obras finalistas do certame Xuventude Crea en Artes Plásticas e Fotografía

Parte da mostra. Foto: Santi Alvite
Parte da mostra. Foto: Santi Alvite
Esta mostra estará aberta ao público, baixo os estritos protocolos de seguridade por mor da COVID-19, ata o vindeiro sábado 21 de novembro

As obras finalistas no certame Xuventude Crea nas modalidades correspondentes a artes plásticas, así como na especialidade de fotografía, poderán verse na Igrexa da Universidade. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, tomaron parte este venres na inauguración dunha mostra que recolle pezas deste certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación, alén de actuar como estímulo económico para a mocidade.

Nesta edición de 2020, presentáronse un total de 88 obras na especialidade de fotografía e 61 obras na especialidade de artes plásticas con 41 pinturas e 20 esculturas.

De todas as obras presentadas, seleccionáronse como finalistas un total de 32, dezaoito na especialidade de fotografía e catorce na especialidade de artes plásticas con catro esculturas e dez pinturas, as cales compoñen a mostra que alberga a Igrexa da Universidade. Esta exposición estará aberta ao público, baixo os estritos protocolos de seguridade por mor da COVID-19, ata o vindeiro sábado 21 de novembro, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas, en quenda de mañá, e de 17.00 a 20.30 horas, en quenda de tarde.
 

Inauguración da exposición. Foto: Santi Alvite
Inauguración da exposición. Foto: Santi Alvite

Gañadores
No transcurso do acto, déronse a coñecer os nomes dos vencedores na edición deste ano. Así, en artes plásticas, o primeiro premio recaeu en Adriana Brantuas Arijón de Santiago de Compostela, coa obra ‘A memoria do baleiro’; o segundo, en María del Mar Ramón Soriano de Ourense, coa obra ‘Desnudo, juego de bolos’; e o terceiro, en Sara Piñeiro Fernández de Lalín, por ‘Pandermia (serie magma, simulacións do corpo ubicuo’, e María López Quiroga de Lugo por ‘Atlas da xeografía cognitiva’. Lois Anxo Cid García recibiu unha mención de honra.

Helena Lafuente González de Bergondo, coa obra ‘O pasado esquecido’, recibiu o primeiro premio na modalidade de fotografía. Cecilia López Prego de Oleiros, coa obra ‘Nihil timeo’ e Eva Antelo Mata de Santa Comba, coa obra ‘Contratempo. Canción triste do nunca habilitado nº2’ recibiron o segundo dos galardóns nesta categoría. Finalmente, o terceiro premio foi compartido por Adrián Vázquez Rodríguez de Lugo con ‘A outra festa’; e Olaya Rodríguez Pérez de Verín con ‘A sombra da utopía’. Sergio Barral Roo e Coral Hermo Calvo foron recoñecidos con mencións de honra dentro desta modalidade. Os premios para cada especialidade son en metálico: 3.000 euros o primeiro premio, 1.500, o segundo e 1.000 o terceiro premio.

O Xuventude Crea a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer a estes novos talentos e ás súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.

Parte da mostra. Foto: Santi Alvite
Parte da mostra. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2020.